A conselleira, Beatriz Mato, e o rexedor municipal asinaron un convenio de colaboración para a execución desta actuación en materia hidráulica
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levará a cabo unha actuación para instalar unha nova captación de augas e impulsión no Concello de Aranga.
Así se recolle no convenio que asinaron hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Alberto Platas. Este acordo establece un investimento de 60.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Na actualidade, a captación existente non é capaz de satisfacer as demandas dos veciños conectados á traída de augas municipais nos meses máis secos. Por isto, a través das obras conveniadas preténdese executar unha nova captación que funcione correctamente durante todos os meses do ano, co obxecto de mellorar as condicións de vida dos veciños do concello de Aranga, de tal xeito que poidan ter auga en cantidade e calidade suficiente para satisfacer as súas demandas de auga potable.
A conselleira sinalou que con esta actuación garántese a subministración de auga en calidade e cantidade axeitada aos núcleos de poboación.