Friday 22 de November de 2024

Feijóo anuncia que a Xunta aprobará proximamente o programa ‘Oportunius’, que destinará máis de 4m€ para a contratación en galicia de 24 investigadores de referencia


Salienta que o obxectivo é reter investigadores excelentes galegos, captar novos talentos e proxectos, e fomentar a formación daqueles científicos aspirantes a unha beca ERC; e apunta que o plan aspira a triplicar os oito investigadores recoñecidos con estas bolsas europeas que acolleu a nosa Comunidade no período 2007-2013

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a Xunta aprobará nas próximas datas o programa ‘Oportunius’, que destinará máis de 4 millóns de euros, ata o ano 2020, á contratación en Galicia de 24 investigadores de referencia nos vindeiros anos. Así o avanzou este mediodía na inauguración da exposición ‘CSIC: 75 anos investigando ao servizo da sociedade’.

O mandatario autonómico explicou que se trata dun plan dirixido a investigadores galegos de gran proxección; a aqueles recoñecidos a nivel europeo cunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC) ou con potencial para aspirar a obtela; e a científicos de fóra de Galicia que queiran desenvolver aquí os seus proxectos, posto que os beneficiarios se incorporarán ao centro galego de investigación máis adecuado aos seus intereses.

Segundo indicou, o programa terá convocatorias anuais coa finalidade de contratar unha media de catro investigadores ao ano, acolléndoos baixo a figura legal do ‘investigador distinguido’, que a Xunta activará mediante esta iniciativa. O obxectivo, engadiu, é reter investigadores excelentes galegos, captar novos talentos e proxectos, e fomentar a formación daqueles científicos aspirantes a unha beca ERC. Nesta liña, apuntou que o plan aspira a triplicar os oito investigadores recoñecidos con estas bolsas europeas que acolleu a nosa Comunidade no período 2007-2013.

A I+D+i como chave de desenvolvemento económico
Feijóo sinalou que a finalidade desta iniciativa encaixa coa prioridade que o Goberno galego está a dar á I+D+i como canle de desenvolvemento económico, de competitividade industrial, e de creación de emprego altamente cualificado; e que constata co seu apoio ao talento dos centros que teñen a clave da innovación en Galicia, por exemplo, con fórmulas de financiamento estable como os contratos-programa.

Así, salientou que a Xunta vén traballando moi de preto, en primeiro termo, cos seis centros tecnolóxicos da Comunidade: o CTAG, na automoción; Anfaco-Cecopesca, na cadea mar-industria; AIMEN, na metalurxia; EnergyLab, no campo da eficiencia e a sustentabilidade enerxética; Gradiant, no eido das telecomunicacións; e, con eles, o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

Faino, dixo, porque “é vital” impulsar os sectores produtivos da Comunidade a través da transferencia de coñecemento desde os centros de investigación cara ao tecido industrial, xa que “iso significa que a nosa economía gaña en competitividade”, aseverou.

Organismos que complementan a amplifican a capacidade investigadora de Galicia
Feijóo asegurou que esta firme aposta por promover o talento e a excelencia investigadora, tamén alcanza a Universidade, fomentando a especialización dos campus. E que implica aos centros do CSIC en Galicia, nos que a Xunta leva investido nos últimos cinco anos máis de 10 millóns de euros para fomentar a súa excelencia científica. Cinco institutos de investigación, dixo, que “complementan e amplifican a nosa capacidade investigadora”, e aos que sectores como a agricultura, a pesca e o forestal deben importantes achádegos.

Son a Misión Biolóxica de Galicia, envorcada na agricultura e que centra agora as súas pesquisas na xenética forestal e na investigación vitivinícola. E, na mesma liña, o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, que a través da biotecnoloxía conseguiu atallar a tinta, a enfermidade máis grave que afecta a unha árbore senlleira da nosa terra como o castiñeiro.

Tamén o Instituto de Investigacións Mariñas, que traballa actualmente no eido da industria mexilloeira para analizar os riscos do cambio climático asociados ao cultivo do mexillón. É o maior centro do CSIC en Galicia, tanto en número de proxectos como de investigacións e, desde Vigo, traballa moi de preto coa sede atlántica da Unidade de Tecnoloxía Mariña, que colabora en campañas científicas de buques oceanográficos como o Sarmiento de Gamboa, con base no porto vigués.

A estes hai que engadir o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, que comparte titularidade coa Xunta, e o Instituto de Ciencias do Patrimonio. E, ademais, outras liñas de actuación conxunta entre o Goberno galego e o CSIC, como o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), ou o impulso aos Campus de Excelencia Internacional: o Campus Vida, da USC, e o Campus do Mar, da Universidade de Vigo.