Friday 22 de November de 2024

O Concello unirá o núcleo do Eirexado coa Ponte da Ferraría cunha nova senda peonil


Esta mesma semana arrancaron en Naraío as obras de construción da segunda senda peonil que o Concello executará neste exercicio. Trátase dunha nova infraestrutura orientada á mellora da seguridade do tráfico e de viandantes que se estenderá ao longo de case medio quilómetro, desde o cruzamento do Eirexado ata a ponte románica da Ferraría. A solicitude deste investimento xurdiu durante as xuntanzas do Orzamento participativo e executarase por importe de 35.585,21 euros dentro dun paquete de obras maior financiado co Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.

O proxecto municipal establece que a nova senda peonil arrancará no cruzamento do Eirexado -ao pé da parada do bus escolar- e continuará cara á Ferraría pola banda sur da estrada, é dicir, pola dereita segundo se avanza.

A maior parte do trazado irá só por unha beira. Porén, ao chegar á nave da Cooperativa de Meirás, no lugar da Pena, o tramo final -uns 50m.- irá por ambas marxes para ofrecer maior seguridade e visibilidade na curva que hai xusto antes de chegar á ponte románica que cruza o Castro.

A distancia total da senda -contando o desdobramento- será de 525 metros. Será de cemento, terá un metro de ancho en todo o seu camiño e, ademais, levará soterradas canalizacións de drenaxe e as tubaxes de varias traídas de auga particulares que pasan pola zona.

As obras comezaron o luns coa preparación do terreo e prolongaranse aínda varias semanas. Esta é a segunda senda peonil que se construirá no concello neste ano trala finalizada recentemente en Bardaos. Pero non será a a última, xa que a Deputación tamén ten previsto contratar pola súa conta dous tramos de beiravías ao longo da DP-7603 en Silvalonga e entre os lugares da Pena e a Golpilleira, en Santa Mariña do Monte.

A senda peonil de Naraío financiase con cargo ao PAS provincial, no que se incluíron outros tres proxectos: a ampliación do abastecemento de augas ao lugar do Cochón, a prolongación en 75 metros das beiravías da Agra de Abaixo e, o de maior envergadura, o acondicionamento tralo verán de todo o contorno da piscina municipal e do campo de fútbol de Currás -cun prezo de licitación de 135.000 euros- para converter a zona nun espazo de lecer con novo equipamento e mellor distribuído.