A corporación amosou unanimemente nun pleno extraordinario o seu rexeitamento ao proxecto. Aprobada a conta xeral 2015
En pleno extraordinario a corporación de Ordes manifestou unanimemente a súa repulsa á instalación dun vertedoiro de residuos non perigosos dentro do seu territorio, concretamente na parroquia de Lesta. No acordo asinado maniféstase o rexeitamento á instalación do dito vertedoiro por parte de Reciclaje Ambiental Lesta, S.L., e á centralización de almacenamento e xestión de residuos de toda Galicia na comarca por resultar antieconómico e medioambientalmente obsoleto. Un terceiro punto do texto recolle que o equipo redactor informe para establecer no PXOM a clasificación de solo rústico de especial protección para preservar a poboación exisitente da ra de San Antón Hyla arborea, e a do rego que nace en Fonte do Trigo e alimenta o caudal do Rego de Lesta.
Así o manifestaron os voceiros de todas as forzas políticas con representación (PP, UxO, BNG e PSOE) onte nunha abarrotada casa da cultura, chea de veciños e veciñas que, coa súa presenza, puxeron de manifesto a súa contrariedade co proxecto. O rexedor, José Luis Martínez Sanjurjo, informou que debido a un erro nos prazos de exposición estipulados por lei dito prazo está novamente habilitado ata o vindeiro mércores, 7 de setembro, para todas e todos os que queiran presentar algún tipo de alegación.
Outro dos debates do pleno foi a aprobación da conta xeral do 2015. O resultado orzamentado emitido polo Departamento de Intervención sitúase en 288.382 €, o aforro en 782.851 €, e o remanente de tesourería para gastos xerais en 960.556 €. Con todo isto a liquidación dos orzamentos cumpre coa regra de gasto, límite de débeda e período medio de pagamento, así como co obxectivo de estabilidade orzamentaria ao presentar unha capacidade de financiamento de máis de 336.350 €.
A pesar de que no tempo de información para reclamacións non se presentou ningunha alegación o BNG e PSOE votaron en contra mentres que UxO, que ata xullo de 2015 ocupou a alcaldía, optou pola abstención. Os votos a favor por parte do PP “que se atopou á súa chegada ao Concello co 80% do orzamento esgotado por parte dos seus antecesores nun período de 6 meses”, según o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, sacaron adiante este punto. Con isto “non se pretende analizar se a xestión foi boa ou mala senón que ven sendo un acto formal necesario para a súa rendición aos órganos de control externo”, según se indica no informe emitido dende Intervención.