Venres, o Oroso TM, organizador do evento, ofrece unha xornada de portas abertas para que toda a veciñanza poidan practicar
O Complexo Deportivo Juanito Amigo, en Sigüeiro, acolle esta fin de semana a sétima edición do Torneo Internacional Concello de Oroso de tenis de mesa. A que é a competición máis relevante do circuíto galego está organizada polo club Oroso TM, que conta con colaboración do Concello de Oroso.
A relevancia do torneo vén dada tanto pola numerosa participación de xogadores como polos premios que se entregan. Cuns 450 participantes, é válido para o ránking galego e forma parte do Calendario Oficial de Competicións da Federación Galega de Tenis de Mesa. Resulta así unha das citas máis importantes da pretempada desta modalidade deportiva. Ano tras ano, a participación nesta proba internacional foi medrando, con xogadores e clubes procedentes de toda a xeografía galega, doutros territorios españois e incluso doutros países.
Xornada de portas abertas
Unha novidade destacada desta edición é que o Oroso TM programou para mañá venres, 2 de setembro, unha xornada de portas abertas. A partir das 18:00 horas, poderá participar toda a veciñanza de Oroso que o desexe, que terá así a ocasión de practicar o tenis de mesa de maneira gratuíta.