Galicia incrementou no mes de xullo un 7,4% o número de viaxeiros aloxados e un 13,5% as pernoitas rexistrando cifras históricas
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados, no pasado mes de xullo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade do 7,4% en relación ao mesmo período do ano anterior ata situarse en 730.053. Subiron tamén no pasado mes as pernoitas en relación ao mes de xullo de 2015 nun 13,5% neste caso, contabilizándose 1.704.585 no conxunto de Galicia.
É o cuarto ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda turística no mes de xullo, o que sitúa os niveis deste ano en máximos históricos tanto no que atinxe aos viaxeiros aloxados como ás pernoitas.
A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística, do 10,2% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 7,4% no que atinxe ás pernoitas.
O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O mercado nacional en Galicia subiu un 15,0% no tocante as pernoitas e un 9,4% no que atinxe aos viaxeiros, rexistrando preto de 550.000 viaxeiros e 1,38 millóns de pernoitas acadando neste ano máximos históricos de demanda.
Pola súa parte, o mercado internacional incrementou os seus viaxeiros nun 1,7% e as súas pernoitas nun 7,8%, acadando máximos históricos tanto de viaxeiros, con máis de 180.000 viaxeiros aloxados, como de pernoitas, ao sumar máis de 320.000. A estadía media subiu un 5,8%.
Tipoloxías de aloxamento
En xullo o 72% da demanda turística correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 57%- como ás pensións –co 15% neste caso-. O 28% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 5% da demanda total-, aos cámpings –co 19%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 4%-.
O crecemento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento con incrementos no contorno do 15% no caso dos hoteis, apartamentos turísticos e cámpings e no 26,5% no caso dos establecementos de turismo rural.
Esta dinámica positiva sitúa os niveis de demanda de cada tipoloxía en cifras récord xa que nunca antes se acadaran volumes de viaxeiros e pernoctacións tan elevadas en cada unha das modalidades de aloxamento neste mes de xullo. O dato mostra a relevancia do crecemento da demanda turística no inicio deste verán.
Desde o punto de vista da ocupación, rexistrouse tamén un comportamento positivo xeneralizado con melloras de maior intensidade nos hoteis –en 6,1 puntos porcentuais- e nos establecementos de turismo rural –en 6,9 puntos neste caso-.
Acumulado do ano
Nos primeiros sete meses deste ano 2016 Galicia rexistrou unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística, cun incremento do 6,6% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con preto de 2,6 millóns- e do 8,8% no que atinxe ás pernoitas –con preto de 5,1 millóns-.
É o terceiro ano consecutivo no que Galicia rexistra un incremento da súa demanda turística nos primeiros sete meses do ano o que marca máximos históricos tanto de viaxeiros como de pernoitas neste período.
Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional, subiu un 9,1%, cun crecemento de viaxeiros do 7,3% rexistrando preto de 1,9 millóns de viaxeiros aloxados e preto de 3,92 millóns de pernoctacións, as cifras máis elevadas dos últimos seis anos. O turismo internacional incrementou un 4,9% a súa cifra de viaxeiros e un 8,0% o seu nivel de pernoitas o que sitúa o niveis deste ano en máximos históricos tanto de viaxeiros–con preto de 720.000- coma de pernoitas –con case 1,17 millóns no conxunto da comunidade-.
Neste período, o 83,2% da demanda turística correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 66,2%- como ás pensións –co 17,0% neste caso-. O 16,8% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que reúne aos apartamentos turísticos –o 4,2% da demanda total-, aos cámpings –co 8,8%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,8% neste caso-.
En relación ás tipoloxías de aloxamento, rexistráronse neste período incrementos xeneralizdos. Subiu a demanda de forma máis destacada nos apartamentos turísticos, modalidade na que se incrementaron as pernoitas un 35%. Nos establecementos de turismo rural o crecemento foi do 15,5% mentres que nos hoteis e nos cámpings a suba foi do 9% en ambas.
En termos de ocupación rexistráronse melloras en todas as tipoloxías de aloxamento especialmente nos hoteis, nos apartamentos turísticos e nos cámpings, modalidades nas que a ocupación subiu en máis de dous puntos porcentuais.