Ambas institucións buscan situar este sector de actividade como referencia mundial na xestión dos recursos hídricos, coa confección de liñas estratéxicas que sirvan de guía para o desenvolvemento da actividade internacional
A Xunta de Galicia e a Fundación de Enxeñería Civil de Galicia colaboran na consolidación internacional do sector galego da auga. Así o establece o convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o presidente do Padroado da Fundación de Enxeñería Civil de Galicia (FECG), Juan Sanmartín Ferreiro.
Con este acordo, Xunta e Universidade da Coruña pretenden situar á Comunidade galega e ao sector da auga como referencia mundial na xestión dos recursos hídricos. Augas de Galicia constatou experiencias positivas en proxectos de cooperación internacional, que revelan a potencialidade de exportación e do interese que suscita a nivel internacional o modelo de xestión de recursos hídricos europeo. No caso do modelo galego, o desenvolvemento a nivel lexislativo, administrativo e técnico é un exemplo de xestión para outras rexións do mundo, recoñeceu Mato Otero.
Tal e como destacou a conselleira, esta realidade sitúa ao sector galego da enxeñería civil na vangarda mundial neste ámbito de actividade, o que representa unha oportunidade única para a súa expansión internacional e do que dan mostra os numerosos encargos que empresas e universidades galegas reciben das administracións con competencias en materia hidráulica estranxeiras.
Así, esta colaboración permitirá definir unha estratexia para o fomento da internacionalización do sector da auga galego e consolidar a presenza do mesmo neste ámbito internacional co liderazgo da Administración Hidráulica de Galicia. Neste sentido, a conselleira destacou a extensa experiencia da Fundación no desenvolvemento de proxectos internacionais de I+D+i, persoal técnico de prestixio mundial no sector da auga e unha vocación de servizo público, que a converte no socio ideal para esta colaboración.
Durante o período de vixencia do convenio, ambas institucións traballarán na confección das liñas estratéxicas que sirvan de guía para o desenvolvemento da actividade internacional do sector, potenciando aqueles ámbitos nos que con cunha maior experiencia e capacidade.
Tamén se busca consolidar a presenza internacional dos actores clave do sector, así como a imaxe da Administración Hidráulica de Galicia como institución de referencia internacional, no ámbito da xestión de recursos hídricos e bacías hidrolóxicas, que facilitará o entendemento e acceso á colaboración multiaxente con distintos países afines, neste ámbito de actividade.
Grazas a esta colaboración tamén se fomentará e coordinará a participación do sector en convocatorias que promovan lancen as distintas administracións (autonómico, estatal, comunitario ou outras institucións nacionais ou internacionais) para o desenvolvemento de proxectos de cooperación internacional ou I+D+ i.
Experiencia piloto
A conselleira de Medio Ambiente recordou que nos últimos tres anos Augas de Galicia liderou a primeira iniciativa da Xunta en materia de cooperación internacional no sector da auga. Con esta iniciativa, brindouse apoio técnico e institucional para a consolidación da Administración Rexional da Auga do norte de Mozambique. O proxecto, financiado pola Unión Europea con cofinanciamento de Cooperación Galega, foi unha experiencia piloto con éxito no referente á colaboración entre administración, universidade, organizacións sociais e empresa.
O éxito desta primeira experiencia puxo de manifesto as importantes vantaxes e complementariedade que ten abrir estas canles de colaboración, así como a necesidade de que se ordene o sector da auga para fomentar a colaboración en todo tipo de iniciativas internacionais para aproveitar todas as oportunidades existentes dando unha resposta integral e de calidade.