Friday 22 de November de 2024

A Xunta activa unha liña de axudas de ata 10 millóns para reparar os danos causados polos lumes de agosto, restaurar os valores naturais e reactivar a actividade económica das zonas afectadas


O titular do Goberno galego salienta que esta liña será compatible con outras subvencións ou indemnizacións aos que poidan ter dereito os afectados

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto de medidas urxentes para axudar á reparación dos danos causados polos lumes de agosto, restaurar os valores naturais e reactivar a actividade económica das zonas afectadas.

Logo de precisar que a partida que se habilita ascende a 10 millóns de euros, Feijóo aseverou que esta liña será compatible con outras subvencións ou indemnizacións aos que poidan ter dereito os afectados, ata chegar ao límite do valor do dano producido.

Así mesmo, aseverou que poderán acceder a ela, dentro dos 200 concellos delimitados como zona afectada: os propietarios ou usufrutuarios de vivendas que sufrisen danos; os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen danos derivados directamente dos incendios; os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras que sufrisen danos ou perdas provocadas directamente polos lumes; e as entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións que levaron a cabo para paliar as consecuencias dos incendios.

O responsable do Goberno galego subliñou que a Administración autonómica impulsará a creación dunha comisión conxunta coa Administración central, as deputacións e os concellos afectados. E avanzou que Vicepresidencia encargarase das axudas ás entidades locais; Facenda terá competencia nas axudas por danos persoais; o Instituto Galego de Vivenda e Solo farase cargo das axudas relativas aos danos en vivendas; e a Consellería do Medio Rural asumirá a reposición de infraestruturas afectadas nas explotacións agrícolas e gandeiras.

A maiores, ábrese tamén outra liña para mellorar as pistas forestais e a captación de auga ou evacuación de augas de escorrentía; reparar ou repoñer peches gandeiros e peches alternativos que sosteñan as cabanas afectadas; e subministrar balas de palla para determinadas pendentes, co fin de evitar erosións por choivas.

Bombeiros forestais
Durante a rolda de prensa, Feijóo reiterou o agradecemento de todo o pobo galego aos equipos de extinción, que actuaron e seguen actuando con celeridade, decisión e profesionalidade; e aos corpos e forzas de seguridade do Estado, “que levan a cabo unhas investigacións imprescindibles para esclarecer moitos destes crimes forestais”.

Sobre este punto, o titular da Xunta referiuse tamén ao acordo alcanzado con todas as organizacións sindicais e que beneficiará a uns 2.000 profesionais adicados á loita contra o lume que pasarán a ter a consideración de bombeiros forestais.

“Estamos a falar dunha medida de recoñecemento profesional que atende a unha reivindicación histórica deste colectivo”, aseverou, ao que engadiu que se crea a situación de segunda actividade, á que poderán acollerse os profesionais maiores de 60 anos que así o soliciten.

En relación a este aspecto, Feijóo subliñou que esta situación consistirá na realización de tarefas preventivas e de apoio loxístico desligadas das labores directas de extinción de incendios. E a contratación de profesionais para substituír a aqueles que opten por pasar á situación de segunda actividade realizarase a través das listas de contratación da Xunta.

Cómpre salientar tamén que a Administración autonómica ofrece a estes traballadores a posibilidade de pasar de contrato laboral a funcionario público da Comunidade autónoma. Os contratados laborais fixos poden iniciar a súa transformación en funcionarios públicos de acordo co compromiso e coa lei que se aprobou de Función Pública na comunidade.

Por último, as ofertas de emprego dos próximos catro anos -2017, 2018, 2019 e 2020- incluirán prazas do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais. E ditas prazas representarán, como mínimo, o 20% de cada unha desas ofertas públicas de emprego.