Este xoves, ‘El baúl del Mago Rafa’ ofrece pases continuados do seu espectáculo de dez minutos en horarios de mañá e de tarde
A Semana Cultural 2016 do Concello de Oroso entra na súa recta final, con representacións de circo, proxeccións de cine, números de maxia e actuacións musicais.
Nas últimas horas, este ciclo ofreceu o espectáculo de circo ‘Welcome’, da compañía ‘Duelirium’. Máis dun centenar de persoas seguiu as súas acrobacias e números visuais no exterior da piscina municipal, ata onde se trasladou a actividade para darlle cabida a todo o público. Hoxe mércores, a partir das 22:00 horas, está prevista a proxección de ‘Aviones, equipo de rescate’ na Praza de Isaac Díaz Pardo, en Sigüeiro. Esta ‘Noite de Cine’ está dirixida a un público familiar.
Para mañá xoves programouse o espectáculo de maxia ‘El baúl del Mago Rafa’ na Praza de Isaac Díaz Pardo. É unha función que ten lugar a bordo dunha caravana, con pases continuados de dez minutos de duración cada un. Dirixido a un público familiar, poderase ver en horario matinal, de 11:30 a 13:130 horas, e en horario vespertino, de 16:30 a 20:30 horas.
A conclusión da Semana Cultural 2016 chegará o venres, con tres actuacións musicais. A partir das 19:30 horas, subirán ao escenario os integrantes da Gramola Gominola. Será no exterior da piscina municipal. Despois, sobre as 21:00 horas, actuará Pepe Piña na Praza de Isaac Díaz Pardo. E das 22:00 horas en diante, na mesma praza, os profesores da Aula de Música Municipal José Verea ofrecerán un concerto. As tres actuacións, de balde como o conxunto da programación, son aptas para un público familiar. No caso de que chova, serían trasladadas ao centro cultural.