Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente e o concello de Vilarmaior colaborarán na mellora do saneamento en Cernadas de Abaixo


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Carlos Vázquez Quintián, asinaron un convenio de colaboración neste sentido

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o concello de Vilarmaior colaborarán para mellorar o saneamento en Cernadas de Abaixo, tal e como se recolle no convenio asinado entre a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Carlos Vázquez Quintián.

Actualmente este núcleo rural non dispón de rede de saneamento, polo que con esta actuación preténdese conectar as vivendas deste núcleo á rede de saneamento existente, para o cal é necesario ampliar a rede de tubaxes.

Para executar estes traballos, o Goberno galego achegará máis de 60.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)

No encontro, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou que a Xunta seguirá apostando pola máxima colaboración cos concellos galegos para a posta en marcha de infraestruturas e servizos. Tras a sinatura do convenio de colaboración, Augas de Galicia pode licitar este contrato nas próximas semanas.