As directoras xerais de Conservación da Natureza e de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias mantiveron unha reunión co presidente da Federación Galega de Caza
A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e de Medio Rural, vén de solicitar a colaboración dos cazadores para intensificar a acción cinexética sobre o xabaril, co fin de evitar os danos nos cultivos que esta especie está a ocasionar, sobre todo naquelas zonas nas que se rexistraron un maior número de incidencias.
A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, e de de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias; Belén Do Campo, mantiveron esta mañá unha reunión co presidente de Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Diz, ao que lle trasladaron esta decisión para paliar os danos que o xabaril está provocando e dos que se ven tendo coñecemento nas últimas semanas.
O presidente da Federación galega de Caza e as súas federacións provincias asumiron esta mañá o compromiso de intensificar esta presión sobre esta especie cinexética, unha medida compatible e lóxica dada que xa está aberta a tempada de caza.
No encontro os membros da Federación trasladaron que esta esta presión debe exercerse sobre todo naqueles puntos conflitivos, onde o xabaril está a ocasionar un maior dano. Segundo os últimos datos dispoñibles, as zonas con maior densidade de poboación da especie concéntranse no interior da Coruña e comarca de Ferrolterra; na Mariña lucense, Na Comarca do Deza e en zonas do sur de Lugo e interior de Ourense.