Esta mañá persoal da Xunta procedeu co desbroce, limpeza e sinalización da zona. Mañá está prevista a instalación dunha plataforma metálica para o tránsito de peóns e peregrinos do Camiño Inglés
Esta mañá déron comezo as obras de arranxo da Ponte Ribeira, comunmente coñecida na zona como Ponte Pereira ou Ponte Vella. Concretamente estanse levando a cabo xa as tarefas de limpeza e desbroce e sinalización das inmediacións, e está previsto que a partir de mañá comeze a instalación dunha plataforma metálica para o tránsito de peóns. Hai que sinalar que este viaducto forma parte do trazado do Camiño Inglés, polo que é moi transitado nesta época do ano.
Ao tratarse dun caudal de auga e dunha ponte medieval de alto valor arquitectónico foi imposible dar comezo aos traballos de arranxo sen completarse tanto os permisos obrigados polas autorizacións sectoriais de Augas de Galicia como de Patrimonio. Uns trámites que ralentizaron o comezo das obras durante meses a pesar da insistencia en priorizala vía de urxencia levada a cabo polo Goberno Local ante a Xunta de Galicia.
A vía tivo que ser cortada ao tráfico a finais de xaneiro tras detectarse anomalías na súa capacidade estrutural e na estrada municipal que transcorre entre o lugar do Mendo e O Ludiño. Unha situación que se agrabou coas intensas chuvias rexistradas durante os meses de inverno. A solución pasa por substituir a actual tubaxe metálica por unha estrutura de formigón realizada “in situ”, e alonxar a nova ponte da ponte vella co fin de garantir así a súa integración no conxunto, aparte de realizar accións de conservación e posta en valor sobre da Ponte Vella.