Friday 22 de November de 2024

Seitura 22 abre o proceso de contratación de catro persoas para xestionar o Leader


A asociación comarcal Seitura 22, que aspira ao desenvolvemento do Leader 2014-2020, acaba de publicar a convocatoria de contratación de persoal para levar adiante a xestión deste programa europeo. Ofértanse catro postos: 1 de xerencia, 2 de perfil técnico e 1 de carácter administrativo. As persoas que cumpran cos requisitos teñen de prazo ata o venres 16 de setembro para presentar as súas solicitudes no rexistro do Concello de Ferrol. Deberán ir dirixidas ao presidente da Asociación Seitura 22 e alcalde de Ferrol, Jorge Juan Suárez Fernández, nun sobre pechado onde figure o posto ao que se concorre, a copia do DNI e copia cotexada da documentación acreditativa dos méritos valorables.

As bases da convocatoria indican que se ben o proceso xa está en marcha, os contratos non se farán efectivos mentres o AGADER non confirme a Seitura 22 como responsable da xestión do Programa Leader 2014-2020 nos concellos de Ferrol, o Eume e o Ortegal, ademais dos de Miño e Vilarmaior. Un estremo que se dá como seguro, habida conta de que é a única aspirante e de que para os pasos preparatorios da candidatura se botou man da experiencia e dos equipos técnicos de Costa Noroeste e Euroeume, os dous grupos que ata agora xestionaron na zona fondos europeos.

Os requisitos xerais para poder participar no proceso son os seguintes: ser maior de idade, ter nacionalidade española ou dalgún dos países membros da UE, que non existan causas que impidan o desempeño do traballo -como pode ser o caso de enfermidades incompatibles ou expedientes disciplinarios que arredasen ás persoas aspirantes de postos de traballo no Estado, nas comunidades autónomas ou en administracións locais-, ter carné de conducir, dispoñibilidade para viaxar e estar en condicións de incorporarse de inmediato.

Os requisitos particulares para cada un dos postos só establecen as titulacións mínimas. Así, para o contrato de xerencia (32.000€ brutos/ ano) as persoas aspirantes deberán ter unha licenzatura ou enxeñaría superior. Para os dous postos ofertados de perfil técnico (26.000€ brutos/ano) esíxese, como mínimo, diplomatura ou enxeñaría técnica. E, por último, para o contrato de persoal administrativo (18.000€ brutos/ano) pídese titulación de bacharelato ou FP1.

A selección de persoal -que terá contrato laboral, en principio, ata decembro de 2020- farase mediante unha proba escrita, coa valoración de méritos seguindo os criterios establecidos nas bases e cunha entrevista curricular. Trala publicación do listado de persoas admitidas, que estará exposto nos taboleiros dos concellos e na web da AGADER, convocarase o exame escrito tipo test con preguntas ao respecto do Plan de Dinamización Rural, xestión de subvencións, GDR’s, desenvolvemento rural, etc. O exame contará un máximo de 30 puntos. A avaliación dos méritos -ter traballado en postos semellantes ou relacionados, formación, etc.- poderá outorgar ata 20 puntos. As persoas aspirantes que acaden as cinco mellores puntuacións sumando os resultados do exame e dos méritos serán as que pasen á última parte do proceso, a da entrevista curricular, cun valor máximo de 10 puntos.

Para poder participar no proceso, ademais de cumprir cos requisitos, é necesario achegar a solicitude a través do rexistro do Concello de Ferrol. Non hai unha folla normalizada e as bases só establecen, literalmente, o seguinte: “deberán presentar a súa solicitude, con indicación expresa do posto ao que se concorre, xunto con copia do DNI e a documentación que acredite os méritos alegados para a fase B, debidamente cotexada e en sobre pechado. Debido a que a Asociación SEITURA22 Ferrol,Eume,Ortegal, Miño e Vilarmaior non dispón de persoal, as solicitudes presentarase, en man, no Rexistro do Concello de Ferrol, dirixida ao Presidente da Asociación Seitura22, D. Jorge Juan Suárez Fernández.”

Sobre prazos, as bases tamén indican que o periodo será “de 20 días naturais contados dende o día seguinte ao da data de publicación no xornal”. É dicir, posto que a convocatoria se publicou en La Voz de Galicia o sábado 27 de agosto, enténdese que o prazo remata o venres 16 de setembro.