Saturday 16 de November de 2024

O Sons na Cortiña encheu de música e actividades de lecer o paseo fluvial do Xubia


O tempo volveu ser aliado da programación preparada polo departamento de Cultura co gallo do II Sons na Cortiña, un evento cun marcado carácter musical e dirixido a público familiar que durante este domingo encheu de actividade o contorno do paseo fluvial do Xubia. A sesión vermú animou a varias familias a achegarse á finca da Cortiña para xantar á sombra do arboreto mentres Milómanos animaba a primeira parte dunha tarde que comezaría a concitar máis público no arranque da exhibición do Club Brío e tamén despois cos concertos de Los Plutones, The Lákazans, Sandford Music Factory e Familia Caamagno.

Na organización do Sons participaron, ademais do Concello, a asociación cultural AC/DZ, Artelladas e a escola multidisciplinar Gazapos, que se encargou dos obradoiros de chapas e tamén de titorizar a elaboración dun grande mural con pintura en aerosol. No proceso participou boa parte da rapazada dándolle liberdade á súa creatividade: nomes, corazóns, pequenos debuxos…que se foron amoreando sobre os taboleiros sen aparente xeito nin maneira. Porén, cara ao final da tarde, un gratifeiro experto enmascarou con pintura branca parte dos lamparóns para revelar en grande a palabras “Sons” e “Cortiña”. Na galería fotográfica publicada no Facebook do Concello pode verse a evolución do mural en distintos momentos da tarde.

Nesa galería de imaxes tamén se dá cumprida conta do ambiente do paseo fluvial durante o festival, que xuntou o lecer e máis a música. Os Picos do Sol, que xa estiveran o sábado na Feira Rural, volveron aparecer na Cortiña co seu amplo catálogo de xogos circenses e malabares para a xente miúda e mesmo para a xente maior que se atrevese co monociclo, as mazas, os zancos ou o equilibrismo. Mentres, na carpa pequena, Los Plutones repasaron algunhas pezas míticas da historia do rock aproveitando para contar a súa historia dun xeito ben ameno.

A de Los Plutones foi a primeira actuación musical da tarde trala sesión vermú animada por Milómanos e a exhibición das nenas e o neno do Club Brío, que ofreceron algúns dos seus mellores exercicios. Tras deles encadeáronse na carpa principal os concertos de The Lákazans -blues e soul- e da banda local Sandford Music Factory, que retomaron esta fin de semana a súa actividade musical despois de varios meses de parón. O II Sons na Cortiña pechárono a Familia Caamagno, un dos grupos galegos e en galego que máis éxito está colleitando nos últimos tempos mesturando letras actuais, un toque de humor, e un son que lembra os albores do pop-rock británico.

E a próxima fin de semana, Chanfaina
E case sen deixar alentar, o departamento de Cultura xa nos propón para a primeira fin de semana de setembro a terceira edición do Chanfaina Lab. O encontro cinematográfico que ten como obxectivo promover a creación, a aprendizaxe e a experimentación audiovisual tomando como principal referente o territorio de San Sadurniño. A lista de asistentes está practicamente confirmada e reunirá realizadores e realizadoras do municipio con xente de fóra e onga traxectoria e reputación no mundo audiovisual. O Chanfaina deste ano desenvolverase desde este xoves 1 ata o domingo 4, e amplía o seu catálogo de actividades con máis proxeccións e un apartado formativo/colaborativo específico impartido por Videodinamizarte durante a mañá do venres.

O obradoiro é gratuíto e ás persoas participantes, ademais de consellos prácticos, tamén se lles facilitará material de gravación. Desenvolverase desde as 10 ás 14.00h. e para inscribirse é necesario pasar pola Aula CeMIT ou chamar ao 616 016 793. Só hai 10 prazas dispoñibles e, ademais de aprender os fundamentos da realización, as persoas participantes tamén producirán unha peza que se proxectará durante o acto de clausura do domingo.