Friday 22 de November de 2024

Arredor de 2.000 fincas do Banco de Terras non aptas para uso agrario poderán ser cedidas de forma gratuíta aos concellos coa nova normativa


Medio cento de predios xa foron traspasados e outros 550 xa están solicitados por parte de municipios interesados

A Consellería do Medio Rural axilizará a cesión aos concellos de fincas integradas no Banco de Terras de Galicia que non son aptas para o uso agrario. Calcúlase que arredor de 2.000 predios poderían pasar a mans dos municipios cun fin social e en interese da veciñanza. Preténdese así dar uso a estes terreos que non se poden explotar por ter algunha edificación ou instalacións que imposibilitan o seu aproveitamento como é o caso de cemiterios ou depósitos de auga.

Ata o de agora xa se teñen cedido de forma gratuíta unhas 50 fincas a municipios galegos e hai outras 550 solicitudes sobre a mesa. Delas, 253 correspóndense coa provincia da Coruña, 203 coa de Lugo, 58 coa de Ourense e 34 con Pontevedra.

Estas cifras poden aumentar considerablemente xa que agora esta consellería, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), estableceu un novo procedemento en base á Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria (Metaga) para axilizar estes trámites que ata o de agora non se podían levar a cabo e que impedían dar uso a un gran número de predios integrados no catálogo do Banco de Terras, pero que non son aptos para os fins para os que foi creado este ente.

Xa coa entrada en vigor da Metaga resolveuse parte do problema, posto que establece que nas zonas de concentración rematadas, o Banco de Terras determinará que masas comúns cumpren cos fins para integrarse e cales non. Estas últimas pasarían a ser de titularidade dos concellos. Agora, ademais, co novo sistema aplícase un criterio retroactivo polo que bastará con acreditar que as devanditas fincas non cumpren os fins do Banco de Terras para que estas poidan ser cedidas aos municipios.

Deste xeito, axilizarase a resolución para a cesión gratuíta dos predios solicitados polos concellos para fins de interese social e ábrese unha nova vía para a cesión de leiras de interese da veciñanza que ata o de agora non podía ser cedidas. Calcúlase que arredor de 2.000 fincas poderían así ter uso por parte dos veciños e veciñas.