As rutas dos faros e Valdeorras-Ribeira Sacra que están en servizo esta fin de semana, están ocupadas nun 100 e nun 97%, respectivamente
O programa dos trens turísticos posto en marcha por Turismo de Galicia, RENFE e o INORDE ‘Galicia, a todo tren’, pecha o mes de agosto cunha ocupación do 80% cando aínda faltan dous meses para que remate a tempada de 2016.
Dese xeito, 1.632 pasaxeiros xa realizaron algunha das nove rutas previstas este ano, aos que hai que engadir 401 que xa reservaron prazas para os meses de setembro e outubro. Isto fai un total de 2.032 viaxeiros a finais deste mes, o que supón un incremento de 50 persoas en relación ao mesmo período do ano anterior.
Canto á ocupación por rutas, as máis demandadas polos usuarios deste servizo turístico ao longo dos meses de xuño e agosto son a Ruta dos faros, co 99.7% de ocupación, a Ruta dos viños da Ribeira Sacra, co 97,04%, e a dos Pazos e xardíns históricos, co 88, 46%
Fin de semana
Polo que respecta a esta fin de semana, hoxe circularán os trens das rutas dos faros, pazos e xardíns históricos, e Valdeorras-Ribeira Sacra, dos que o primeiro e o último contan cunha ocupación do 100 e o 97%, respectivamente.
Ademais, mañá estará en servizo o Tren da Ruta do viño de Monterrei, co traxecto entre as estacións de Ourense-A Mezquita-Vilavella.
Novidades do ano 2016
O programa ‘Galicia, a todo tren’ ofrece este ano dous novos itinerarios: as rutas termal e do Camiño do Norte a Santiago e a da Lamprea e o viño do Condado, que se uniron ás sete que xa funcionaron en 2015 e que son a dos faros, entre Ferrol e Ribadeo, a dos pazos e xardíns históricos, entre Santiago e Vigo, e as cinco rutas do viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, territorios nos que se producen os viños galegos con denominación de orixe.
O Tren termal e do Camiño do Norte a Santiago circulará entre A Coruña e Lugo os días 1 e 22 de outubro e amosará a riqueza termal galega, como a do balneario de Guitiriz, o Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade en 2015, e a cidade de Lugo.
O Tren da Ruta da Lamprea e o Viño do Condado tivo saída desde Santiago de Compostela o día 2 de xullo, e volverá circular o 17 de setembro. Este tren achega aos visitantes ás beiras do río Miño, dando a coñecer un patrimonio etnográfico centrado na lamprea. Este percorrido tamén ofrece, por exemplo, visitar o Pazo de Lourizán e os seus xardíns, que conteñen unha mostra da botánica forestal de extraordinario relevo en Galicia, e unha pausa para comer en Pontevedra e visitar a cidade. Ademais, o percorrido inclúe a visita a unha adega da denominación de orixe Rías Baixas.
Cada unha das nove rutas pódese realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias como rutas en catamarán e acceso e visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos. Desta maneira, a iniciativa permite descubrir diferentes zonas de Galicia dunha maneira única.
A oferta deste programa complementouse, un ano máis, co Tren do peregrino, o Tren dos balnearios e o programa Galicia Rail Pass, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.
Ademais, este ano Santiago recibiu a visita do tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Al-Andalus, que por primeira vez realizou o percorrido Madrid-A Coruña.