Saturday 16 de November de 2024

O Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta recibiu máis de trinta mil visitas


O portal reafírmase como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía

O Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia xa recibiu máis de trinta mil visitas desde a súa posta en marcha, unha cifra que o reafirma como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía.

A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en colaboración coa Amtega, foi a encargada do desenvolvemento do portal, que botou a andar o pasado 7 de marzo, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de transparencia. O obxecto da plataforma é dar cumprimento, entre outras, ás obrigas de publicidade activa previstas na normativa en materia de transparencia.

Nos catro meses que leva activo o portal houbo 32.248 visitantes distintos que consultaron 219.169 páxinas. As páxinas máis visitadas están relacionadas coa normativa en tramitación, que recibiu 15.174 visitas, os membros do Goberno e altos cargos, con 14.840 visitas, e a información sobre contratación pública, con 5.665 visitas.

Máis dun cento de solicitudes de información
Doutra banda, recibíronse 115 solicitudes de acceso a información pública, entre as que destacan as relativas a persoal (24), subvencións (14), información institucional, organizativa e de planificación (14) ou de relevancia xurídica (7), entre outros asuntos.

Das 115 solicitudes, 38 foron presentadas a través de medios electrónicos e 77 en papel. Por departamentos, o maior número de solicitudes recibiunas a Consellería do Mar, cun 21 por cento, seguida da Vicepresidencia, co 19 por cento, e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co 15 por cento das consultas.

Das solicitudes recibidas nestes meses, 83 xa foron resoltas e o resto están en prazo legal para a súa contestación. Das resoltas, 12 foron inadmitidas, ben por ser necesaria unha acción previa de reelaboración, por referirse a información de carácter auxiliar ou de apoio, ou ben por dirixirse ao órgano equivocado.