Nas últimas semanas estivemos dándolle publicidade principalmente aos eventos municipais que capitalizan a actualidade institucional desta fin de semana, a Feira Rural e o Sons na Cortiña. Porén, tamén nas últimas semanas, o departamento de Cultura estivo ultimando os detalles da que será a terceira edición do Chanfaina Lab. O encontro cinematográfico que se celebra a primeiros de setembro cun único obxectivo: promover a creación, a aprendizaxe e a experimentación audiovisual tomando como principal referente o territorio de San Sadurniño. O Chanfaina deste ano desenvolverase desde o xoves 1 ata o domingo 4, de maneira que gana un día con respecto ás pasadas edicións ao tempo que amplía o seu catálogo de actividades con máis proxeccións e un apartado formativo/colaborativo específico. A lista de asistentes está practicamente confirmada e reunirá xente de aquí á que lle tira iso de contar con imaxes e tamén xente de fóra con longa traxectoria e reputación no mundo audiovisual.
Entre eles e elas atoparemos nomes autóctonos coma o de Fran Bermúdez, Abel Vega, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Roberto Bouza ou Sebastián Rodríguez, ademais dos de Patricia Lamas, David Anca e Miguel Sanjurjo -integrados en ConSuma Conciencia-, o modestino Dani Ferreira e outros que poidan sumarse ao proxecto nos días que faltan.
Os realizadores e realizadoras confirmadas de “fóra de portas” que afrontarán o reto de filmar un territorio descoñecido para a maioría -parte deles repiten- teremos a Ángeles Huerta, a Beatriz del Monte, a Carla Andrade, a Claudia Brenlla, a Eloi Domínguez, a Lara Bacelo, ás irmás xemelgas Lara e Noa Castro, a Lois Patiño, a Marcos Lourido, a Marta Piñeiro, a Natalia Porca (de Narón pero con raíces en Igrexafeita), a Pablo Millán, á pontesa Sabela Pernas e ao recentemente premiado co Goya á mellor montaxe por “El Desconocido”, Jorge Coira.
Todos e todas convivirán durante a primeira fin de semana do mes que entra compartindo a experiencias e a experiencia en si que é captar con tempo escaso a esencia de San Sadurniño retratando xente, paisaxes, e historias que, máis adiante, cando se monten e se proxecten, comporán un totum revolutum de visións a imaxe e semellanza do prato típico que lle dá nome ao encontro.
A Chanfaina Lab 2016 arrancará oficialmente o xoves 1 ás 20.00h. con dúas proxeccións gratuítas na Casa da Cultura. Será un minimaratón con dous filmes documentais: “A Seara”, de Pepe Coira, e “Verengo”, de Víctor Hugo Seoane. Pezas unidas polo eixo temático común de recolleren a realidade de dúas aldeas da montaña interior galega.
“Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”
A mañá do venres 2 resérvase para unha sesión formativa na aula CeMIT impartida por Videodinamizarte para a que se ofrecen 10 prazas. Ana Seijo e Sabela Pernas -a primeira psicóloga e a segunda realizadora- traballarán sobre creatividade, dinámicas de grupo e técnicas básicas de gravación e realización. A iniciativa, denominada “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así” ten como obxectivo obxectivo que as persoas participantes desenvolvan conxuntamente a súa propia peza para proxectala o domingo durante a clausura do encontro.
O obradoiro é gratuíto e ás persoas participantes, ademais de consellos prácticos, tamén se lles facilitará material de gravación. Desenvolverase desde as 10 ás 14.00h. e para inscribirse é necesario pasar pola Aula CeMIT ou chamar ao 616 016 793.
O venres á tarde irán chegando a San Sadurniño o resto de realizadores e realizadoras, que acudirán ás 20.00h. a unha breve sesión introdutoria na propia aula CeMIT e despois baixarán á Casa do Concello para ir tomando contacto co territorio. Inmediatamente despois, a iso das 21.15h., está programada a presentación do proxecto “Visións”, nacido no marco do programa Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa que busca reivindicar o papel feminino na creación audiovisual e da que saiu un filme colaborativo executado a base de curtas por de dez realizadoras. Tres delas, Lara Bacelo, Claudia Brenlla e Carla Andrade, participan no Chanfaina e ofrecerán na noite do venres o seu punto de vista sobre a realidade da muller no audiovisual.
Sábado e domingo para gravar
A recepción de participantes e a presentación adiantouse ao venres para dar máis tempo de gravación durante a fin de semana. E é que o Chanfaina vén sendo tamén unha sorte de desafío para quen non coñece San Sadurniño. Hai que chegar, situarse, ver que historia se vai contar, de que maneira, planificar e executar a gravación nun escenario de case 100 quilómetros cadrados e con centos de posibilidades distintas ás que apuntarlles coa cámara. De aí que sexa tan importante a implicación veciñal no apoio ao proxecto. Ademais da xente da casa que vai facer pezas, son tamén moitos e moitas as persoas que darán apoio loxístico guiando cineastas, contándolles vivencias a partir das que construír unha curta ou botándolles unha man cos tarecos de gravación.
Esa vía de colaboración mantense aberta e desde a organización indican que calquera axuda será benvida. Só hai que chamar ao 616 016 793 para ofrecerse, igual que fixeron as asociacións veciñais de Bardaos e de Igrexafeita, que acollerán o sábado e mailo domingo respectivamente os xantares do evento. No primeiro caso a base de cabrito ao espeto e no segundo, como non podía ser doutro xeito, servindo chanfaina.
A xornada do sábado culminará ás 21.00h. na Casa da Cultura coa “Eira de cineastas”, na que se proxectará unha escolma de pezas producidas polos creadores e creadoras convidadas nesta edición. O domingo continuarán as gravacións polo territorio e a clausura do encontro está prevista para as 19.00h. tamén no centro cultural. A esa hora pasarase a peza editada dentro do obradoiro “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así” e tamén algunhas curtas seleccionadas das anteriores edicións do Chanfaina Lab.
A Chanfaina de Tizón
O encontro deste ano volverá contar coa mirada fotográfica do fotoxornalista Gabriel Tizón, quen xa retratara os Chanfainas de 2015 e 2014 desde detrás das cámaras. 25 desas instantáneas exporanse durante todo o mes de setembro na Galería da Casa do Concello. A mostra comezará cadrando co arranque do evento deste ano.
O Chanfaina Lab está organizado polo Concello e é unha iniciativa impulsada polo académico do audiovisual Manolo González como proxecto paralelo a Fálame de San Sadurniño, a web á que moitos creadores e creadoras acoden para buscar material e inspiración sobre as historias que contarán despois. Na edición de 2016 tamén colabora a Deputación da Coruña.
O cartel deste ano bota man do cadro “Coitadiños!”, pintado a principios do século XX por Asterio Mañanós. O autor palentino -que fora pintor de cámara do Senado- pasou longas temporadas en San Sadurniño, onde chegou a residir e a participar na axitada vida política do momento, mercede á súa amizade cos marqueses.