Friday 22 de November de 2024

A Xunta pon en valor a revitalización dos servizos de Protección Civil galegos


O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou hoxe o Concello de Pontecesures e a súa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou esta mañá o Concello de Pontecesures para coñecer de primeira man a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) local e as súas necesidades e inquedanzas. O director estivo acompañado do alcalde da localidade, Juan Manuel Vidal.

A Agrupación de Pontecesures conta con 14 membros e foi rexistrada en 2000, ano desde o que sigue desempeñando ininterrompidamente o seu labor na prevención e intervención en emerxencias, tanto no seu termo municipal como axudando aos concellos limítrofes.

O Concello de Pontecesures reforzou os medios materiais dos seus voluntarios de Protección Civil coa adquisición, o ano pasado, dun vehículo todo terreo pick-up. e un remolque de emerxencias, a través dunha liña de subvención da Xunta de Galicia.

Apoio ao labor do persoal voluntario
Dende o Goberno galego apóiase o labor do voluntariado de protección civil, en temas como a formación, axudas económicas para o funcionamento das agrupacións de voluntarios e equipamento cedidos aos concellos para a súa utilización polas ditas agrupacións.

Para iso, no 2015 iniciouse unha campaña de motivación do voluntariado que ten como obxectivo principal pór en valor o labor altruísta e solidario de todo o persoal voluntario que na actualidade forma parte das diferentes AVPC que cobren o territorio galego.

Así mesmo, a través desta campaña tamén se busca potenciar o voluntariado naqueles concellos que non dispoñen na actualidade de AVPC e estarían interesados en formala; así como reforzar e incrementar o número de voluntarios naquelas AVPC que así o desexen e reafirmar a todas as agrupacións que xa veñen funcionando correctamente.

Actualmente, Galicia conta con 220 Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, das que 73 están na provincia da Coruña, 37 en Lugo, 65 en Ourense e 45 en Pontevedra, sumando entre todas un total de 4.527 voluntarios en toda a nosa comunidade.