O DOG publica a listaxe provisional de admitidos e excluídos na novena convocatoria das probas de control de acceso a espectáculos públicos
O DOG publicou hoxe a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas para realizar as probas para a obtención da habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, así como a renovación da mesma cunha proba psicolóxica que terá unha validez de cinco anos dende a súa expedición.
Nesta convocatoria presentáronse 152 solicitudes, das cales 71 eran para a obtención do certificado acreditativo da habilitación e as outras 81 para a súa renovación. Entre o total das solicitudes, 85 foron admitidas e as restantes teñen de prazo ata o vindeiro 7 de setembro para resolver as deficiencias da súa solicitude.
Esta será a novena edición, despois de que a principios do ano 2010 o Goberno galego regulase por decreto os requisitos que deben cumprir os controladores para exercer as súas funcións. Dende aquela, máis de 800 persoas xa acadaron a habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.
Para desenvolver a función de porteiro, é obrigatorio contar coa habilitación da Dirección Xeral con competencia na materia -neste caso a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior-, previa a obtención do certificado acreditativo de ter superado as probas realizadas pola Academia Galega de Seguridade Pública, Agasp.
Entre as funcións dos porteiros, atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento, comprobar a súa idade, controlar a adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda o aforo autorizado, vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local, prohibir o acceso fóra do horario de peche, e incluso, se fora necesario, auxiliar ás persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente.
Desenvolvemento das probas
A proba de coñecementos consistirá en contestar un cuestionario de cincuenta preguntas tipo test, máis cinco de reserva, que versarán sobre temas relativos á Constitución Española, normativa básica do dereito de admisión, follas de reclamacións, posesións de armamento, medidas de seguridade en establecementos de concorrencia pública e primeiros auxilios, entre outros asuntos.
Así mesmo, realizarase un exercicio de tradución dun texto do galego ao castelán que terá carácter voluntario para os aspirantes que coa solicitude entregaran a documentación precisa que acredite devanditos coñecementos. Finalizados os exercicios teóricos terá lugar a segunda proba que consiste na realización dun test psicolóxico. Para obter a habilitación deberá obterse a cualificación de apto nas dúas probas.