Será este domingo e coa recadación farase un donativo á canceira municipal
Este vindeiro domingo, 28 de agosto, o campo de fútbol de Santa Cruz de Montaos acollerá o IV Torneo Hotel Restaurante Santa Cruz. En total serán tres partidos que darán comezo a partir das 17 horas entre o Montaos e o Pontecarreira. Ás 18 horas enfrentaranse o Pontecarreira e o Vila de Ordes e ás 19 horas será o turno para o Montaos e o Vila de Ordes.
Novamente esta cita deportiva conta cun marcado carácter solidario xa que cos cartos das entradas colaborarase coa canceira municipal Segunda Oportunidade. Un xesto que a concelleira de Medio Ambiente, Ana Soneira, agradece “enormemente” e valora “dun xeito especial e moi positivamente xa que con todo isto a xenerosidade, o respecto aos animais e a deportividade serán os máximos protagonistas sobre o terreo de xogo o vindeiro domingo”. Os organizadores deste torneo contan coa colaboración do Concello de Ordes para a súa posta en marcha.