O evento incrementa a presenza de produtores ecolóxicos e agroalimentarios
A Feira Rural que comezará o sábado ás 10 da mañá no lugar da Cortiña, ao pé do río Xubia, volve superar a súa propia marca en canto ao número de postos inscritos. E é que o evento recibiu un total de 130 solicitudes, 30 máis que o ano pasado, das que o maior número se corresponde con peticións de postos de artesanía e segunda man, aínda que nesta ocasión gana peso a oferta de produtos agrogandeiros e da terra ata case copar o 50% do evento. Dúas razóns son a asistencia de máis dunha vintena de expositores ecolóxicos con certificación do CRAEGA e un notable aumento dos postos agroalimentarios, que ven na feira unha boa ocasión para darlle saída ao xénero de temporada.
O listado de inscrición da feira recolle 32 postos de produtos da terra e alimentarios, 6 viveiros de planta e flor, 34 de artesanía, 20 de artigos de segunda man e 10 que xuntan na súa oferta tanto artesanía como artigos de ocasión. Canda eles haberá outros seis que non entran nas anteriores clasificacións pero que tocan dalgún xeito o comercio de proximidade ou o desenvolvemento rural, como é o caso de asociacións e entidades que, sen vender nada, promoven a sustentabilidade ou a responsabilidade no consumo.
Parte dos postos -22 en total- aliñaranse en paralelo á carpa principal na Feiraeco promovida en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e na que se poderán atopar froitos da terra e do mar co distintivo ecolóxico galego.
O documento coas solicitudes admitidas publicouse este mediodía e nel aparece tanto o número que lle corresponde a cada expositor e expositora como os horarios de entrada ao recinto da Cortiña, que este ano volve modificar lixeiramente a distribución dos espazos. Así, déixase libre todo o paseo fluvial e lévase para o centro do arboreto a carpa principal, que só acollerá a exposición do concurso da froita. Nun dos laterais hai outra carpa máis pequena que será a empregada para xantar e, no outro, distribuiranse os postos da Feiraeco.
Desde as 10 da mañá en que comeza o evento e ata as 19.30 que se clausurará haberá unha chea de actividades paralelas para todas as idades: obradoiros de cociña creativa, sorteos, visitas guiadas á horta de froiteiras e ao colmear didáctico, catas de sidra, queixo e viño do país, paseos en canoa polo Xubia, así como unha exposición de cans de raza Palleira. De feito, cans de todos os tamaños e razas protagonizarán a mañá co gallo da IV Copa Agility Concello de San Sadurniño. Por outra banda tamén hai organizadas dúas exhibicións de cetraría con distintas especies de aves rapaces que estarán expostas durante o día.
Con esta programación e co tempo que se prevé -Meteogalicia non dá auga e di que vai facer boa temperatura-, o Concello agarda que a VIII Feira Rural volva marcar un récord de visitas que non paren unicamente na Cortiña, senón que aproveiten o día para coñecer San Sadurniño gozando da paisaxe, o patrimonio e a hostalaría. Neste sentido, a área municipal de Turismo acaba de publicar un folleto sobre as zonas verdes da área urbana que se distribuirá gratuitamente na feira. Nel explícanse os elementos máis destacados -o arboredo, o paseo fluvial, os xardíns municipais, o pazo, etc.- e proponse unha ruta circular de 3 quilómetros que pode facerse devagar, posto que discorre maiormente por sendeiros en bo estado e sen desniveis. O folleto é o primeiro dunha serie actualizada que publicará en breve o Concello sobre natureza e patrimonio e quen queira velo antes da feira pode descargalo desde esta ligazón.
O domingo, Sons na Cortiña
E ao día seguinte, o domingo, Cultura e Mocidade teñen tamén preparado un completo programa de actividades de tarde-noite para toda a familia dentro do II Sons na Cortiña. Un festival capitalizado pola música que comezará ás 14.00h. cunha sesión vermú animada por Milómanos para conectar na primeira metade da tarde (a iso das 16.30h.) con obradoiros de grafitos e chapas e unha exhibición do Club Brío.
A partir das 17.30h. xa se encadearán concertos. O primeiro deles será cousa do grupo Los Plutones e o seu percorrido pola historia do rock para nenos e nenas. Despois subirán ao escenario The Lákazans (18.45h.) e pecharán o festival a Sandford Music Factory (20.15h.) e a Familia Caamagno (21.45h.).
O Sons na Cortiña naceu en 2015 como festival musical para a xente nova e como continuación nocturna da Feira Rural. Porén, este ano o Concello optou por desdobrar os dous eventos na última fin de semana de agosto, de xeito que o Sons pasará ao domingo cunha programación de seu e ampliada arredor do eixo principal da música. O departamento de Mocidade conta coa colaboración organizativa da asociación cultural AC/DZ, de Artelladas, da escola multidisciplinar Gazapo e do club Brío, así como da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural.