Friday 22 de November de 2024

Rey Varela destaca o labor social da Cociña Económica de Ferrol a prol de cubrir as necesidades básicas das persoas que máis o precisan



A entidade, un referente na cidade naval, serve unha media de 250 racións de comida a diario

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou na mañá de hoxe as instalacións da Cocina Económica de Ferrol. Alí, destacou que o obxectivo prioritario da Xunta de Galicia é “traballar man a man con esta entidade para que todos os galegos e galegas teñan as súas necesidades alimenticias cubertas”.

A entidade, un referente na cidade naval, proporciona comida ás persoas máis vulnerables que contan con limitados medios económicos, satisfacendo as súas necesidades de alimentación. Ofrecen servizo de comida para levar e servizo de comedor tanto para comidas como para ceas. Ademais, os usuarios poden dispor dun almorzo completo e dun bocadillo. Deste xeito, a Cocina Económica serve arestora unha media de 250 racións de comida a diario; o que supón un descenso no número de usuarios que facían uso deste recurso hai uns meses e que estaban cifrados en 274 de media ao día.

Na súa intervención, Rey Varela advertiu que “a Política Social debe de ser o estandarte de todos os Gobernos, o engrenaxe fundamental sobre o que se asentan as demais medidas”. “Porque se non hai benestar non pode haber nin crecemento, nin emprego, nin cultura”, engadiu.

Así mesmo, o responsable da carteira social gabou o labor que se fai desde a entidade, “baixo os valores de solidaridade, compromiso e responsabilidade social, valores que compartimos e promovemos tamén dende o goberno da Xunta de Galicia”. “A proporción de alimento é unha necesidade vital e social que temos a obriga de cubrir dende as administracións públicas en colaboración con entidades imprescindibles como a Cociña Económica que hoxe visitamos”, engadiu Rey Varela.

Como froito do compromiso da Xunta de Galicia con outras organizacións sociais, o titular autonómico lembrou que a Axenda Social asinada no pasado mes de xuño coa Fegamp “rubrica o acompañamento do Goberno galego ás entidades de iniciativa social”. Deste xeito, Rey Varela destacou que grazas a este acordo referendado por todos os concellos de Galicia, “mellóranse as axudas aos centros de emerxencia e inclusión social, coa apertura dunha nova liña na convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social para financiar gastos derivados da construción, ampliación, reforma e mellora dos centros”.

Así mesmo, no mes de xullo publicouse a orde de subvencións para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e de programas a desenvolver polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión; que contempla a construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de inmobles.

Esta convocatoria de subvencións enmárcase na Estratexia para a Inclusión Social de Galicia 2014-2020, na que se dá unha énfase especial aos procesos vinculados á inclusión social das persoas usuarias dos servizos sociais das corporacións locais, establecendo unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social ou colectivos de vulnerabilidade extrema, así como ao traballo de acompañamento social e ao apoio preciso para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral.