Esta localidade coruñesa convértese no primeiro concello da costa da morte que se suma a esta iniciativa da Xunta, polo que son xa 19 os municipios que forman parte desta proposta
Ethel Vázquez explicou que “é especialmente importante que outros municipios, e especialmente as grandes cidades, se decataran da importancia e utilidade do Programa de Vivendas Baleiras”
Sinala que as vivendas incorporadas a este programa están dobremente aseguradas pola Xunta, cun seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia xurídica, para tranquilidade dos arrendatarios
Carballo (A Coruña) 23 de agosto de 2016
facebook twitter
twitter
… Compartir
A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, o convenio para a posta en marcha de forma efectiva do Programa de Vivendas Baleiras neste municipio, “un acordo froito do interese das dúas administracións por facilitar o acceso a unha vivenda ás persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares, se atopan en situacións de dificultade”. Así, o Concello de Carballo, convértese no primeiro Concello da Costa da Morte que se suma a esta iniciativa da Xunta, co que xa son 19 os municipios que forman parte desta proposta.
Vázquez Mourelle reiterou que “é especialmente importante que o resto dos municipios da provincia e de A Coruña sigan o exemplo e o camiño que o Concello de Carballo iniciou hoxe e colaboren co goberno galego”. Ademais, destacou que lle gustaría que outros municipios, especialmente as grandes cidades, se decataran da importancia e da utilidade que pode ter para os seus veciños o Programa de Vivendas Baleiras da Xunta, e decidisen selar a súa incorporación, porque trátanse de unhas medidas que buscan ofertar solucións reais a familias con problemas reais.
Grazas a esta sinatura, Ethel Vázquez explicou que “un conxunto de vivendas desocupadas se converterán nunha bolsa de vivendas sociais”. Para acadar isto, o Concello de Carballo solicitou a súa adhesión a este Programa da Xunta, logo de que o 3 de maio asinaramos coa FEGAMP o convenio para o seu desenvolvemento.
Vázquez subliñou que “con este programa, a Xunta e o Concello de Carballo estamos a dotarnos de máis recursos para protexer o dereito constitucional a unha vivenda” polo que agradeceu especialmente ao alcalde a súa colaboración, que demostra o seu compromiso por tratar de ofrecer solucións aos problemas dos seus veciños.
Obxectivo principal
O obxectivo prioritario desta iniciativa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais. Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer –de 300 €–, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.
Con este acordo, búscase que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario, así as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financia: un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.
Estes seguros ofrecen garantías e blindan ao propietario, posto que con estes seguros que financia a Xunta o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado e tamén se evitarían problemas como os que nos teñen traslado distintos colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en dificultades.
Neste momento, son 43 concellos de Galicia os que xa teñen solicitado formalmente a súa adhesión: 11 da provincia da Coruña, entres eles os 8 que xa teñen asinado este acordo, Abegondo, Arteixo, Betanzos, Cambre, Sada, Ares e Mugardos e Carballo.