Friday 22 de November de 2024

A Aula de Música de Oroso abre o prazo para novas matrículas no curso 2016-2017 desde o 23 de agosto ata o 9 de setembro


As prazas son limitadas e asignaranse segundo a orde de entrada das solicitudes no rexistro municipal, con preferencia para persoas empadroadas

A Aula de Música do Concello de Oroso abrirá o prazo de presentación de solicitudes para novas matrículas no curso 2016-2017 entre o 22 de agosto e o 9 de setembro. As prazas son limitadas e outorgaranse segundo a orde de entrada das solicitudes no rexistro municipal. Terán preferencia sempre as persoas empadroadas no municipio de Oroso.

A oferta da Aula de Música para o novo curso inclúe as modalidades de música e movemento, linguaxe musical, frauta, guitarra, baixo eléctrico, piano, saxofón, violín, canto e batería. Para as prazas que poidan quedar vacantes, poderán formalizarse as matrículas durante o curso.

O Concello lembra que o usuario non debe pagar a matrícula ata que se teña confirmada a praza por parte do departamento municipal de Cultura. Nese momento, para facer efectiva a matrícula hai que acudir ao apartado ‘tributos on line’ da páxina web do Concello de Oroso. Posteriormente, canda o xustificante de pago, haberá que presentar a carta de domiciliación, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, unha foto de tamaño carné, o título de familia numerosa se é o caso, e a autorización para a cobertura gráfica e audiovisual dos actos da Aula de Música.

Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e a oferta formativa da Aula de Música, as persoas interesadas poden chamar ao Centro Cultural (981 69 09 03) de luns a venres entre as nove da mañá e as dúas da tarde.

Prazo do segundo pago de renovación
Por outra parte, tamén do 23 de agosto ata o 9 de setembro poderá pagarse o segundo prazo dos alumnos e alumnas que renoven matrícula. Con este segundo pago, quedará formalizada a súa renovación na Aula de Música.