Saturday 16 de November de 2024

A EGAP aposta polos contidos novidosos como linguaxe de signos na convocatoria de actividades do segundo semestre para o persoal da administración autonómica


A Escola Galega de Administración Pública oferta 74 cursos e 2.250 prazas destinadas en exclusiva aos empregados públicos da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública vén de convocar as actividades de formación continua correspondentes ao segundo semestre do ano 2016, o que supuxo un total de 74 cursos e 2.250 prazas destinadas aos empregados públicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Deste xeito, o citado colectivo pode acceder a un programa específico deseñado para desenvolver a súas habilidades e capacitación coa finalidade última de mellorar o servizo á cidadanía.

Así, dentro da convocatoria das actividades de formación continua previstas para este segundo semestre do ano cómpre resaltar a realización, por vez primeira, dun curso de linguaxe de signos. Esta materia de carácter transversal, de 40 horas e 25 prazas, ofértase a todos os empregados públicos da Administración autonómica e será impartido polo persoal da Federación de asociacións de persoas xordas de Galicia entre os meses de setembro e novembro. Con esta acción formativa preténdese capacitar a todos os alumnos no uso e coñecemento da linguaxe de signos e dos aspectos socioculturais da comunidade xorda.

Por outra banda, tamén é preciso sinalar que esta última convocatoria de accións formativas para o persoal da Administración autonómica conta con títulos novos relativos á organización e simplificación do traballo, ás destrezas lingüísticas para a redacción de textos na web, ás técnicas de reunións eficaces ou, canto ao réxime xurídico, aos aspectos destacados das novas leis de procedemento administrativo común e do sector público. Ademais, seguen desenvolvéndose cursos de formación específica en materias como a prevención de riscos laborais, a violencia de xénero, a transparencia e acceso á información pública ou a implantación da Administración electrónica na Xunta de Galicia, entre outros.

Unha formación adaptada ás necesidades reais
O plan de formación da EGAP elaborouse tendo en conta as necesidades formativas dos diversos organismos e nel participaron as distintas consellerías da Xunta de Galicia. Igualmente, contouse coa colaboración dos coordinadores da formación de cada centro directivo, de docentes e expertos coñecedores do sector público e dos sindicatos.
Así mesmo, na súa configuración, tívose en conta tanto a demanda real rexistrada nos cursos en anos anteriores como o tratamento e análise dos resultados das enquisas de satisfacción dos alumnos que participan nas actividades.

Todas estas ferramentas son a chave para a creación dun programa formativo de calidade e de mellora continua adecuado aos requirimentos dos destinatarios.