Thursday 21 de November de 2024

O Concello reordenará o tramo do Malecón entre Rosalía de Castro e Mercado para facilitar a circulación dos peóns


No centro da calzada crearase unha mediana axardinada e na parte próxima ao mercado suplantarse a baldosa hidráulica por pedra

Tal e como adiantou o alcalde Manuel Ruiz no pleno ordinario do pasado luns, o Concello xa ten elaborado un proxecto técnico co fin a proceder á reodenación dun longo tramo do paseo do Malecón, auténtico epicentro da vida social da cidade.

Concretamente o lugar afectado por esta actuación comprende entre o cruce da vía con Rosalía de Castro e o mercado municipal, subdividíndose á súa vez en dúas zonas diferenciadas..

Así, cómpre sinalar que na parte máis ancha (toda pavimentada con lousas de pedra e que discorre paralela a catro carrís para a circulación de vehículos), a disposición do mobiliario existente dificulta en gran medida a circulación dos peóns. Ademais as raíces das árbores están danando os bancos existentes.

Desmontaxe do mobiliario urbano
Co fin de mellorar esta situación, conforme ao proxecto creado vaise reordenar o mobiliario urbano, creando unha zona libre de obstáculos e executando ademais unha mediana axardinada continua de dous metros de ancho polo centro da calzada, con plantación de céspede e palmitos e instalación dunha liña de rego.
Previamente, será necesario desmontar bancos/xardineiras, fontes existentes e bancos de pedra.

En segundo lugar, na parte máis próxima ao edificio do mercado, a baldosa hidráulica alí disposta será renovada e substituída por lousas de pedra, de forma acorde co resto da avenida do Malecón.

A execución desta obra suporá un investimento de 112.984,60 euros e o prazo para realizala é de tres meses.