Como todos os terceiros fins de semana de agosto dende 1998, a partir das doce desta noite terá lugar unha nova edición da International Lighthouse Lightship Weekend: un encontro internacional de radioaficionados que estarán emitindo durante 48 horas ininterrompidas a través de 436 faros de todo o mundo, dende Alaska no hemisferio norte ata Australia no hemisferio sur: un deles, o de Corrubedo.
Esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor estas emblemáticas construcións, cada vez máis en desuso ante o avance das tecnoloxías.
Con tal motivo, cinco membros do Radio Club Hércules, con sede na cidade da Coruña, estarán ubicados no faro da parroquia riveirense para establecer contacto con estacións doutros países.
Hai outro faro galego participante: o que está situado en cabo Silleiro, onde haberá un radioaficionado alemán.
O alcalde ten previsto visitar mañá ao mediodía ao grupo de Corrubedo e departir con este ante este singular exemplo de promoción turística.
Información do evento (en inglés) en http://illw.net/