Friday 22 de November de 2024

A Semana Cultural trae a Oroso unha vintena de actividades para todos os públicos


Desde o vindeiro luns 22 de agosto ata o venres 2 de setembro, ofrece monicreques, maxia, xogos, música, circo, cine e deporte

A programación da Semana Cultural do Concello de Oroso ofrecerá unha vintena de actividades para todos os públicos desde o vindeiro luns 22 de agosto ata o venres 2 de setembro. A oferta inclúe monicreques, maxia, xogos, música, circo, cine e deporte. Todas as propostas son gratuítas, no marco dunha programación que procura atender os intereses de todos os públicos.

O ciclo de actividades comeza este luns 22 de agosto cunha excursión ao parque acuático de Cerceda, na que participarán nenos e nenas maiores de oito anos. Partirán en autobús ás 11:00 horas desde o centro cultural de Sigüeiro e estarán de volta sobre as 19:00 horas.

Xa o martes, 23 de agosto, terá lugar unha xincana lingüística no exterior da piscina municipal ás 11:30 horas. É unha actividade para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de idade, que admite inscricións aínda ata este luns. O seu propósito é impulsar e ampliar a utilización da lingua galega, nun contexto lúdico e didáctico. Xa pola tarde, a partir das 19:30 horas, actuarán os ‘Monicreques Mercromina’, co seu espectáculo ‘Vacacións no mar’, no exterior da piscina municipal. É unha proposta para o público familiar.

O mércores, ás 19:30 horas, a compañía ‘Mundo Mandarina’ ofrecerá o seu espectáculo de maxia cómica ‘O meu avó é mago’ no exterior da piscina municipal. A do xoves 25 será unha xornada encomendada á diversión, con xogos inchables na piscina municipal de 11 a 13 e de 16 a 19 horas, e unha Festa da Escuma a partir das 19:15 horas, para maiores de catro anos. Durante ese día, a entrada na piscina municipal será de balde.

O venres 26, a oferta da Semana Cultural será doble. Pola mañá, ás 11:00 horas, desenvolverase unha xincana no exterior da piscina municipal, ideada para nenos e nenas de 6 anos en diante. A inscrición nesta xincana pode formalizarse ata o 24 de agosto. E xa pola noite, a Praza de Isaac Díaz Pardo acollerá tres actuacións musicais: a de ‘La Trova Coruñesa’ (21:30 horas), a da Asociación Cultural Amigos do Acordeón (22:30 horas) e a do Grupo Pacífico (23:30 horas).

Esta primeira semana do programa concluirá o domingo 28 co Torneo de Fútbol do Concello de Oroso. Xogarase no campo municipal de Deixebre a partir das 17:30 horas. Participarán o Sigüeiro FC, a SD Deixebre, o Sigüeiro B e a ED Xuventude Oroso.

Todos os espectáculos serán trasladados ao centro cultural no caso de chuvia. Na seguinte semana, a derradeira deste circuíto cultural, a programación incorporará espectáculos de circo, proxeccións de cine ao aire libre, maxia e novas actuacións musicais.