Nun libro que foi presentado no Lustres Rivas
O fotógrafo Luis F. Polo presentou no Centro Cultural Lustres Rivas a súa última publicación que, titulada “Percebeiros de Aguiño”, describe a través de 110 instantáneas a vida dos que se dedican a esta profesión nas súas diversas facetas.
O autor estivo acompañado no acto polos alcaldes de Riveira e Porto do Son, Manuel Ruiz e Luis Oujo; así como polo patrón maior da Confraría de Aguiño e Carreira, José Antonio Santamaría; e a concelleira de Cultura Fabioa García.
Manuel Ruiz (quen salientou os vínculos que ten Luis Polo co noso municipio, onde reside parte do ano) agradeceu un traballo que se centra nun dos sectores produtivos máis importantes do noso municipio e fixo fincapé no seu contido, no que se plasma a vida dos percebeiros ilustrando os seus lugares de traballo (entre os que se inclúe Porto do Son), as artes que empregan, o vestiario ou a venda en lonxa, ofrecendo tamén unha perspectiva máis lúdica e gastronómica a través da celebración da festa do percebe.
José Antonio Santamaría destacou a gran profesionalidade do autor, quen acompañou a membros da confraría no proceso de extración vivindo con eles de primeira man a realidade de como é o seu traballo e os riscos aos que se enfrontan, sobre todo no inverno.
Luis Polo manifestou que o que lle motivou á hora de facer este traballo é o descoñecemento que existe en torno a esta profesión. Ademais, quixo agradecer a colaboración tanto do Concello de Riveira como da Confraría de Aguiño, ademais da Xunta a través de distintos departamentos: Cultura e Mar (que colaboraron no seu financiamento) e Infraestruturas (que lle proporcionou gratuítamente mapas aéreos).