Un total de 55 veciños e veciñas de Frades participaron esta fin de semana nunha excursión aos Muiños da Barosa e á localidade pontevedresa de Combarro, organizada polo Concello de Frades, que subvencionou o transporte e parte da actividade. Unha viaxe na que estiveron acompañados polo alcalde de Frades, Roberto Rey; polo concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos Bra, e por monitores da empresa Vagalume Ocio e Tempo Libre.
A viaxe comezou cunha visita aos muiños da Barrosa (Barro-Poio), onde os maiores optaron por participar nunha ruta de sendeirismo mentres que os máis pequenos participaron nun obradoiro para aprender a facer pan. Ao rematar, ambos grupos volveron unirse para desfrutar dun baño a carón dunha pequena fervenza a carón dos propios muíños. Tras xantar, a expedición pasou a tarde visitando os singulares hórreos da localidade de Combarro antes de volver a Frades.