Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño instalará colectores para roupa usada que serán xestionados por Cáritas


O departamento de Servizos, encargado da recollida do lixo, detectou que nos últimos meses cada vez se tira máis roupa usada nos colectores. Unha circunstancia que contrasta coa situación de precariedade económica que viven moitas familias por causa da crise. O Concello reuniuse recentemente cos párrocos do municipio, Javier Santiago e José Mª Ladra, para tentar buscar unha solución que, por unha banda, aforraría custos na recollida de residuos e, por outra, podería facilitar que a roupa en bo estado chegue a persoas que estean pasando dificultades. Neste sentido, o Concello colocará colectores especiais repartidos por varios puntos do territorio e despois será a entidade social Cáritas quen se encargue da recollida e distribución das prendas en boas condicións.

Tal e como informou a responsable municipal da área, Amparo Calvo, o novo servizo comezará a funcionar no mes de setembro coa instalación dos colectores. “Haberá once repartidos polo municipio e serán doados de identificar, posto que están pintados de gris e teñen a tapa laranxa. Ademais estarán ben á vista en lugares de paso para a xente”.

Os sitios elixidos son a igrexa de Bardaos, a explanada de San Cristovo e o local da Seara en Ferreira, ao pé do adro de Igrexafeita, na parte lateral da cooperativa en Naraío, no acceso á igrexa de Santa Mariña e, xa en Lamas, na explanada da cooperativa do Casal, no local do Camiño Arriba e ao pé do local social do Chao. No centro urbano haberá dous colectores para roupa: un ao pé da Escola Infantil Municipal A Rolada e outro diante do colexio público.

“Nos colectores deberase depositar exclusivamente roupa, independentemente do seu estado. As prendas en boas condicións serán ofertadas a familias e colectivos que precisen de axuda social, mentres que as inservibles serán enviadas a centros axeitados para a súa reciclaxe”, explica Amparo Calvo.

Da xestión dos colectores encargarase Cáritas de San Sadurniño que, xunto co Concello, “agradecen a colaboración da veciñanza con este novo servizo”. A este respecto a concelleira lembra que “en moitas casas hai armarios cheos de roupa practicamente nova que xa non se usa. Antes de tela gardada ou de tirala deberiamos pensar se alguén do noso contorno a necesita, xa sexan familiares ou persoas ás que saibamos que lle pode vir ben esa axuda”.

Residuos voluminosos
En relación coa reutilización e a reciclaxe, desde a área de Servizos vólvese insistir en que o Concello conta cun servizo de recollida a domicilio de residuos voluminosos como son os electrodomésticos, mobles, colchóns, etc. Abonda con chamar ao 981 490 027 e solicitar a recollida.

No momento en que haxa peticións suficientes para facer unha viaxe comunicaráselle ás persoas solicitantes o día e hora en que o camión municipal lles pasará por diante da porta. Outra opción é acudir directamente ao Punto Limpo do Concello de Narón, situado no polígono Río do Pozo, co que San Sadurniño ten suscrito un convenio e ao que podemos levar de balde todo tipo de enseres, aparellos electrónicos e mesmo restos de pequenas obras domésticas.

“Facer uso destes servizos é moito máis cómodo, barato, seguro e responsable que desprenderse dos residuos voluminosos ilegalmente, deixándoos ao carón dos colectores, ou mesmo botándoos no medio do monte”, asegura Amparo Calvo.