Friday 22 de November de 2024

Asinado o convenio entre Medio Ambiente e a Laracha para a mellora da accesibilidade peonil e reordenación viaria das rúas do entorno do Centro de Saúde


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse co alcalde da localidade, José Manuel López Varela, para ratificar este acordo
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, asinaron un convenio de colaboración que permitirá mellorar a accesibilidade peonil e a reordenación viaria das rúas da contorna do Centro de Saúde.

O Goberno galego investirá máis de 150.000 euros nesta actuación, que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade nas rúas Coruña, Pontevedra e Escola, que enlazan coa rúa Epifanio Campo Núñez e o seu encontro coa rúa Eusebio Bertoa Queijo.

Coa sinatura do convenio, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio poderá licitar as obras para mellorar esta zona do Concello da Laracha.

Plan Hurbe
Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.