Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Ordes adícalle a última xornada das festas patronais aos seus emigrantes


José Mandayo e María Josefa Sánchez foron os homenaxeados deste ano. A xornada contou cunha ofrenda floral ante o monumento erixido en momoria á diáspora. Treixadura e Ritmo Galego porán esta noite o punto e final a catro días de celebración que desfrutaron milleiros de persoas

A homenaxe á diáspora ordense e a tradición musical e folclórica galega deronse a man para poñer punto e final ás festas patronais de Santa María de Ordes. Milleiros de persoas desfrutaron de catro días de celebración e diversión nos que non faltaron música, baile, tradición, oficios relixiosos, deportes etc.

Como vén sucedendo dende hai décadas os emigrantes que hai anos tiveron que coller as súas maletas rumbo a un futuro prometedor fóra dos límites xeográficos nos que naceron son os máximos protagonistas neste último día de celebración. Este ano José Mandayo Suárez e María Josefa Sánchez Uzal, naturais de Frades e Barbeiros respectivamente, e con máis de 44 anos de emigración en Inglaterra, foron os representantes de todas e todos eles. Momentos de esforzo, sacrificio, superación persoal e laboral e, en definitiva, vivencias que lembraron no acto relixioso oficiado na igrexa parroquial de Santa María. No seu discurso non faltaron as alusións ao momento de “globalización que vive o mundo e que pensabamos que supoñía novas oportunidades para moitos e moitas”. Unha percepción que se ve alterada “tras o cambio de rumbo político acontecido no Reino Unido”. Tampouco faltaron as palabras de agradecemento ao Goberno Local “polo recoñecemento de hoxe”, nin tampouco as peticións aos dirixentes institucionais “para traballar en prol da cidadanía”.

Vida de traballo
No turno de palabra do alcalde ensalzou “o labor e esforzo de emigrantes e emigrantes, así como o das súas familias e achegados polo sacrificio brindado”, ademais da “importancia que para Galicia e os galegos ten o aspecto da emigración”. Palabras que causaron un aprauso expontáneo no público, que en moitos casos chegaron a poñerse de pé. Tras desexarlles unha boa xornada a todas e todos os presentes, Martínez Sanjurjo convidounos á xuntanza que minutos despois tería lugar nun coñecido establecemento da zona.

Instantes despois, e acompañados pola Banda de Música de Ordes, homenaxeados, autoridades, veciños e veciñas de Ordes dirixíronse ao monumento ao emigrante situado a carón do Concello. Alí depositaron un ramo de flores en memoria e sinal de respecto por todas as persoas que, ao igoal ca José e María Josefa, un día partiron na busca dunha nova vida con maiores posibilidades.

Dende ben cedo os sons e o ritmo de Embruxo Gaiteiros animaron a vila de Ordes co seu animado pasacalles. O protagonismo musical deste día tamén recaeu na Banda de Música de Ordes e na orquestra Iris, que fixeron bailar a todas e todos os que se achegaron ata a Alameda para desfrutar da sesión vermú. Xa de noite o folk e a musica tradiconal galega porá o punto e final ás festas deste ano coas actuacións de Treixadura e o grupo local Ritmo Galego.

Restablécese o tráfico
Según está previsto a partir das 9 horas de mañá mércores, 17 de agosto, restablecerase o tráfico na N-550 ao seu paso pola vila. Dende o pasado sábado esta estrada quedou cortada para poder instalar os escenarios das distintas orquestras que figuraron no cartel. Asemade as paradas de autobuses volverán a situarse nos lugares habituais tanto de cara a Santiago como a A Coruña.