Friday 22 de November de 2024

O Concello de Oroso recibe a Medalla de Ouro da Cámara Municipal de Góis


Manuel Mirás aposta por “seguir avanzando máis na relación entre Góis e Oroso, sobre todo cando o ano que vén conmemoraremos o décimo aniversario do noso irmandamento”

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, recibiu a Medalla de Ouro da Cámara Municipal de Góis, a máis alta distinción deste municipio portugués e que lle foi outorgada ao Concello de Oroso tras acordo unánime de todos os vereadores (concelleiros) da corporación lusa. “Nin nos meu soños máis optimistas pensei xamais recibir tan algo galardón”, agradeceu o alcalde orosán, quen destacou que “éste é un dos acontecementos máis importantes da miña vida”.

Manuel Mirás recibiu a distinción de mans da presidenta da Cámara Municipal de Góis, María Lurdes Oliveira Castanheira, e do presidente da Assembleia Municipal de Góis, José Antonio Pereira de Carvalho, no que foi o seu último acto oficial antes de abandonar a vida política. O acto de entrega da Medalla de Ouro tivo lugar este sábado no auditorio da casa da cultura goiense, coincidindo coa conmemoración do Día de Góis. Mirás agradeceu o premio e o bo trato recibido en Góis tanto por parte dos representantes políticos como da veciñanza. “Iso fai que en Góis me sinta como na miña casa”, apuntou o alcalde orosán.

Manuel Mirás asegurou que esta distinción “fai que queira seguir avanzando cada vez máis nesa relación entre Oroso e Góis, sobre todo cando o ano que vén conmemoraremos o décimo aniversario do acto de irmandamento de ambos municipios”. Un irmandamento que Mirás Franqueira salientou como moi positivo, “sobre todo no intercambio de ideas, experiencias e persoas a nivel cutlural, de servizos sociais, prevención contra os lumes, protección civil…”. Así, o alcalde orosán lembrou como artistas e grupos de música locais tiveron ocasión de amosar a súa arte en Góis; como os técnicos de servizos sociais e protección civil intercambiaron experiencias en varios seminarios formativos; ou como, hai apenas unhas semanas, Góis foi o destino da primeira viaxe dos maiores organizada polo Concello de Oroso.

Avanzar no irmandamento

Pola súa banda, María Lurdes Oliveira indicou que “estamos moi satisfeitos co irmandamento con Oroso, que é a que mellor funciona de todas as que temos porque tras el hai moito traballo no que contamos cun aliado tanto a nivel cultural, como co GoisOrosoArte, como no intercambio de persoas e actividades”. Por iso, a presidenta da Cámara Municipal de Góis asegurou: “agradecidos de que se sintan en Góis coma na casa. É recíproco, pois nós tamén nos sentimos na casa en Oroso”.

Finalmente, José Antonio Pereira de Carvalho, un dos artífices do irmandamento de ambos municipios canda o defunto presidente da Cámara Municipal goiense José Girao Vitorino, salientou a presenza en Góis do equipo de Goberno do Concello de Oroso acompañando ao alcalde Manuel Mirás. “A vosa presenza hoxe aquí é unha demostración de que o irmandamento ten funcionado ben”, apuntou Pereira de Carvalho, quen destacou “a amizade entre os nosos dous pobos, que fai que ambos nos sintamos coma na casa”.

Outras distincións

Tamén recibiron a Medalla de Ouro de Góis o Góis Moto Clube, polo seu 25 aniversario, e a Asociación Humanitaria dos Bombeiros Voluntarios de Góis, a quen Mirás dirixiu as primeiras verbas do seu discurso: “pois é un recoñecemento aos bombeiros pola loita titánica que están facendo estes días tanto en Portugal coma en Galicia”. Así mesmo, o Concello de Góis tamén homenaxeou ao profesor Carlos Alberto Poiares coa Medalla de Mérito de Góis e a dous funcionarios do municipio coa Medalla de Servizo Público: Alberto Pereira e Elisa Santos, viúva do ex presidente goiense José Girao Vitorino.

Ao acto de entrega asistiron por parte portuguesa a presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Oliveira Castanheira; o presidente da Assembleia Municipal de Góis, José Antonio Pereira de Carvalho; o vicepresidente da Cámara Municipal de Góis, Mário Barata García; así como todos os vereadores (concelleiros) e deputados de Góis. Por parte orosá, desprazáronse esta mañá ata Góis a primeira tenente de Alcalde de Oroso, Vanesa Boo; o segundo tenente de alcalde e deputado de Economía e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira Piñeiro; e a concelleira de Igualdade, Servizos Sociais e Ensino, Beatriz Rodeiro Fernández; o concelleiro de Medio Ambiente e Obras de Oroso, Eduardo Veiras Rey; o concelleiro de Cultura e Deportes de Oroso, Luís Rey Villaverde; e a concelleira de Muller, Familia e Sanidade, Mari Carmen Liste Raña.

Así mesmo, tamén asistiron ao acto os presidentes das Cámaras Municipais de Arganil, Ricardo Pereira Alves; Pedrogâo Grande, Valdemare Gomes Fernández Alves; e Pampilhosa da Serra, José Alberto Pacheco Brito Dias.