Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Galicia apoia máis dun centenar de proxectos de participación xuvenil no marco do programa Iniciativa Xove


A Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado vén de resolver a orde que permitirá a 122 asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas organizar, emprender e impulsar actividades para a mocidade

Máis de 120 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas se beneficiarán este ano das achegas que a Xunta de Galicia pon a disposición da mocidade galega para a posta en marcha de actividades nas que os protagonistas son eles mesmos. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ven de resolver a orde de axudas do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove. Unha proposta pioneira no Estado español que aposta por ceder o protagonismo á Xuventude a través da estimulación do liderado, a creatividade e o talento xuvenil. Esta edición, un total de 122 proxectos, que teñen un orzamento conxunto de algo máis de 546.000 euros, recibirán o apoio da Xunta de Galicia.

Así as cousas, a directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, avanzaba esta mañá que do total de proxectos que finalmente resultarán beneficiados con este programa, 68 corresponden a asociacións xuvenís e 54 a grupos informais de mozas e mozos. En liña coas recomendacións da Unión Europea, abundaba Vázquez, “Galicia foi a primeira comunidade autónoma que financiou proxectos de grupos informais, co fin de que a excesiva burocracia non sexa un impedimento para que leven a cabo os seus proxectos”.

A directora Xeral de Xuventude lembrou que Iniciativa Xove financia o cento por cen dos proxectos de interese cun orzamento máximo de 5.000 euros, un 20% máis que na edición anterior. Asi mesmo, todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida. “Isto permitiralles financiar o proxecto sen ter que poñer apenas cartos do seu peto, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas”, destacaba Cecilia Vázquez.

Iniciativa Xove está concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á Xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, se estimula o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas relacionadas co emprendemento, o lecer, a comunicación, as novas tecnoloxías e outros campos do seu interese. Como novidade este ano, entre as áreas prioritarias nas que se enmarcarán os proxectos, inclúese a posta en marcha de actividades que contribúan á conservación do medio ambiente e posta en valor do patrimonio natural.

Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permitirá confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.