Friday 22 de November de 2024

Recoñecemento de Touro a sete mestres recén xubilados


O Concello de Touro non deixou pasar a ocasión de brindar un recoñecemento dos veciños e veciñas a sete mestres e mestras do Colexio de Fonte Díaz recén xubilados nos últimos dous cursos. E que mellor oportunidade que darlle unha homenaxe durante a XXIV Festa da Terceira Idade que se celebrou onte en Fonte Díaz e á que acudiron arredor de 800 maiores de todo o Concello. Os mestres e mestras homenaxeados foron Roberto Casal, Julián González, Francisco Álvarez Vázquez, Dolores Rodríguez Feliz, Rosario Tarrío, José Luis Lago e Elisa Moire. Os dous últimos mestres desta pequena lista ausentáronse, pero os outros cinco mestres, acompañados dos seus maridos e das súas esposas acudiron puntuais. Algúns dos mestres homenaxeados, como por exemplo Francisco Álvarez Vázquez, inauguraron as instalacións do Colexio de Fonte Díaz. Dende o ano 1974 ata a súa xubilación pasaron 44 anos nos que impartiu docencia. Foi o xefe de Estudos durante unha boa parte da súa carreira profesional no colexio de Fonte Díaz. Pola súa banda, Roberto Casal, que exerceu de director do colexio ata a súa xubilación, estivo 37 anos no colexio. “Pasaron moitas xeracións de nenos e nenas”, apuntan os dous docentes. “Foron anos maravillosos que nunca esqueceremos, Touro e a súas xentes sempre estarán no noso corazón”. Os docentes homenaxeados tamén quiseron lembrar a mestres que se xubilaron uns anos antes que eles e que tamén deixaron moi boas lembranzas como Maria do Carmen Duro, Ánxela Castro Ferro ou Gonzalo Otero Soengas.
Os homenaxeados na XXIV Festa da Terceira Idade de Touro agradeceron o apoio incondicional durante décadas das xentes do Concello. “Foi unha honra exercer a docencia no Colexio de Touro”, apuntaron todos. Pola súa banda, o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, en nome dos habitantes de Touro, agradeceu aos mestres e mestras a súa entrega e dedicación para formar a centos e centos de nenos e nenas. “A educación é fundamental para o desenvolvemento dun pobo”, explicou Ignacio Codesido, quen lembrou que os mestres e mestras homenaxeados “sempre apostaron por fomentar a educación entre os máis novos e por facer valer o talento nas xentes que viven nos concellos do rural, coma Touro”.