O obxecto dos proxectos aos que van dirixidas as axudas é o de protexer e recuperar a biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas e impulsar a sensibilización medioambiental
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a vindeira semana a orde da Consellería do Mar pola que se convocan as axudas á realización de proxectos colectivos dirixidos a protexer e recuperar a biodiversidade mariña dos bancos marisqueiros galegos.
Poderán beneficiarse desta liña de axudas entidades do sector pesqueiro coma confrarías, organizacións de produtores, cooperativas do mar ou asociacións de profesionais do sector que teñan a súa sede social en Galicia.
A Consellería do Mar destina a esta convocatoria máis de 3,4 millóns de euros para 2016 e para o 2017, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) nun 75%. Ao abeiro destas achegas os diferentes colectivos poderán levar a cabo proxectos que redunden nunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas e tamén que fomenten sensibilización medioambiental.
Os interesados en solicitar estas achegas terán o prazo dun mes desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia para presentar as solicitudes a través dos medios habilitados para tal fin.