O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases reguladoras destas axudas do Igape para a bonificación de xuros para créditos de ata 25.000 euros
A Xunta vén de activar, a través da publicación esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG), as bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos de financiamento dos microcréditos de ata 25.000 euros destinados a financiar investimentos, con fondos ICO, por emprendedores, autónomos e microempresas.
A través do Igape, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará bonificacións de xuro a microcréditos de 1,5 puntos con carácter xeral, e de 2 puntos no caso de emprendedores e proxectos do sector industrial. Inclúense tamén axudas á comisión do aval financeiro, se a operación está garantida por algunha das sociedades de garantía recíproca que colaboran coa Xunta neste programa. Ademais, os microcréditos poderán ter un apoio adicional do 15% sobre o tramo do préstamo destinado a financiar activos fixos.
Os microcréditos poderán destinarse a financiar activos fixos produtivos, tanto novos como de segunda man, vehículos industriais ou custos de adquisición de empresas. Tamén poderán financiar circulante, co límite do 50% do financiamento.
O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro deste programa está aberto ata o próximo 31 de outubro, pero poderán acollerse á bonificación de xuros todas as operacións formalizadas nas entidades financeiras, con fondos ICO, desde o pasado 1 de xaneiro.
O programa de microcréditos favorece o apoio ao financiamento dos investimentos promovidos en Galicia por autónomos, microempresas ou emprendedores. Esta liña complementarase coa destinada á bonificación de xuros dos préstamos, desde 25.000 ata 100.000 euros, para facilitar os investimentos das pemes, segundo o programa que se publicará nos próximos días. En ambos casos, o obxectivo é facilitar o desenvolvemento de proxectos empresariais de investimento, reducindo os custos financeiros.
Mediante os programas de microcréditos e de apoio financeiro a pemes, a Xunta prevé apoiar 750 proxectos de investimento de microempresas e pemes, mobilizando préstamos por importe de 45 millóns.