Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG a convocatoria das Unidades Formativas en Empresas, coa que se apoia o 100% da formación nas compañías que se comprometan á inserción laboral dos participantes
A Xunta vén de activar, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a convocatoria do programa de Unidades Formativas en Empresas, unha iniciativa coa que se apoia o 100% da formación nas compañías que se comprometan a contratar a un mínimo do 60% dos alumnos e alumnas.
O prazo de inscrición para participar no programa formativo ten como data límite o 30 de outubro. Para acceder ás axudas á inserción laboral, as empresas terán que formalizar os contratos ata o 15 de decembro deste ano.
Para esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que dá resposta a unha demanda do propio tecido empresarial, destínanse 3 millóns de euros, un orzamento que permitirá beneficiar a 900 persoas sen emprego a través da posta en marcha de 60 unidades formativas. Estes apoios están dirixidos a empresas ou grupos de firmas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que empreguen a 50 ou máis persoas traballadoras.
As empresas deberán comprometerse a un mínimo de contratación do 60% do alumnado que se forme nas súas compañías por un período mínimo inicial de 6 meses. Trátase dun programa flexible a través do que se dará prioridade á Industria 4.0 e aos sectores estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia- RIS3.
Ademais, ao abeiro deste programa, apoiaranse as contratacións indefinidas iniciais e temporais con axudas de entre 200 a 9.000 euros para aquelas firmas que superen o compromiso de contratación do 60% das persoas formadas nestas Unidades Formativas das Empresas.