A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, entrevistouse con responsables de Unicef dentro da rolda de contactos con asociacións, colectivos e profesionais que centran a súa actividade no ámbito do menor
A Xunta de Galicia continúa a poñer en común coas entidades a Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia (EGIA) 2016-2020 que impulsa a Consellería de Política Social co fin de seguir mellorando a eficiencia na asistencia e na protección á totalidade dos menores de idade que viven na nosa Comunidade. A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, vén de reunirse con responsables de UNICEF coa finalidade de analizar as suxestións á Estratexia que propón esta entidade, dentro da rolda de entrevistas que está a manter con asociacións, colectivos e profesionais que centran a súa actividade no ámbito da infancia e da adolescencia.
O obxectivo destas entrevistas é enriquecer un documento que é o resultado dun proceso de participación activa e coordinada de todos os departamentos da administración autonómica, que realizaron achegas e propuxeron medidas concretas. De feito, a implicación do conxunto da administración autonómica fan da EGIA un plan de actuación verdadeiramente transversal co que o Goberno galego quere dar visibilidade aos nenos, nenas e adolescentes como suxeitos activos de dereitos e deberes, recoñecendo o seu dereito a ser escoitados e a participar activamente en todos os ordes da vida.
Así, a Estratexia estrutúrase en catro liñas prioritarias destinadas á promoción dos dereitos e a participación; ao dereito a un crecemento equilibrado e saudable; á intervención en situación de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social; e á mellora da calidade do sistema e a práctica institucional. No seu conxunto, a EGIA fixa 24 obxectivos e máis de 180 actuacións. Cómpre indicar que esta estratexia vai dirixida á totalidade da infancia e a adolescencia de Galicia e non soamente aos menores de idade sobre os que a Consellería de Política Social ten competencias: os menores en situación de risco ou desamparo e aqueles que executan medidas xudiciais penais.