Saturday 16 de November de 2024

O Servizo de Gardacostas requisa máis de 800 útiles e de 400 quilos de peixe e marisco en diversos controis contra o furtivismo


Ademais os axentes da Consellería do Mar incautaron máis de 1.000 metros de artes de enmalle

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 800 útiles de pesca e de 400 quilos de peixe e marisco en diferentes controis contra o furtivismo realizados no que levamos de agosto. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con máis de 1.000 metros de artes de enmalle.

A ría de Pontevedra foi escenario de diversas actuacións que deron como resultado a aprehensión de 437 aparellos de pesca e o comiso de máis de 105 quilos de marisco, a maioría polbo. Unha das actuacións máis significativas foi en Raxó, en colaboración coa Garda Civil, e saldouse coa identificación de 1 persoa e coa incautación de 1 vehículo, 1 equipo completo de mergullo e co comiso de máis de 18 quilos de navalla. Ademais outro control realizado na ría deu como resultado a incautación de 100 nasas sen identificar e o comiso de máis de 17 quilos de polbo e preto de 1 quilo de nécora.

A maiores, na área de Vigo requisaron 150 nasas e 45 quilos de peixe e marisco, a maioría polbo, nun control realizado coa colaboración de Salvamento Marítimo. Por outra banda, en distintos controis da ría de Arousa os gardacostas requisaron 10 útiles, 100 metros de artes de enmalle e uns 23 quilos de marisco.

Na ría de Muros e Noia os axentes tamén realizaron inspeccións que se saldaron coa aprehensión de 104 útiles e co comiso de preto de 25 quilos de peixe e marisco. O control máis destacado foi na zona das Basoñas, en Porto do Son, onde se fixeron con 89 nasas de ferro para polbo por estar sen identificar e con 12 quilos de polbo, a maioría de talla antirregulamentaria; 6 quilos de congro e 3 quilos de nécora.

Por outra banda, en Pontedeume os Gardacostas, en colaboración co Seprona da Garda Civil, realizaron un operativo por estrada na AP-9 que se saldou coa incautación de máis de 175 quilos de ameixa por ser de talla antirregulamentaria. Ademais na zona de Punta do Limo, en Cariño, nunha actuación coa Policía Nacional de Ferrol e o servizo de vixilancia da confraría requisaron 11 quilos de distintas especies de peixe. Na Coruña os gardacostas realizaron outra actuación que se saldou co comiso de 5 quilos de berberecho de talla antirregulamentaria.

A Costa da Morte tamén foi escenario de diversas actuacións nas que os axentes requisaron 114 útiles, a maioría nasas, 950 metros de miños (artes de enmalle) e 32 quilos de distintas especies. O control máis significativo foi en Touriñán e Fisterra e deu como resultado a incautación de 56 nasas de madeira e 16 nasas de ferro para polbo por estar sen identificar e caladas en zona prohibida e 13 quilos de marisco, a maioría polbo de talla antirregulamentaria.