A directora de Turismo de Galicia visitou esta mañá o Balneario de Mondariz para coñecer esta innovadora ferramenta informática
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá o Balneario de Mondariz para coñecer a aplicación Termagal, unha ferramenta informática innovadora que axuda aos balnearios galegos a xestionar a historia clínica dos seus pacientes dun xeito estandarizado.
A aplicación permite aos médicos utilizar unha pantalla táctil intuitiva e de moi fácil manexo, baseada na representación gráfica da información sobre as diferentes partes do corpo. Así, posibilita recoller información dos pacientes e controlar a evolución das diferentes variables de xeito común en todos os balnearios, sen apenas necesidade de escribir.
A finalidade desta ferramenta é, polo tanto, facilitar aos facultativos todo o proceso de asistencia médica e posibilitar, ademais, o tratamento e intercambio de datos nunha linguaxe estandarizada, de maneira que se enriquece o coñecemento dos diferentes problemas médicos que se consultan nos centros termais. Deste xeito, obtéñense estatísticas de grande utilidade para realizar estudos científicos que repercutirán na capacidade de avaliar os beneficios dos tratamentos con augas mineiro-medicinais e potenciar a captación de usuarios de diversos sistemas de saúde e países con cobertura deste tipo de tratamentos.
A directora de Turismo de Galicia afirmou que “con Termagal a proposta de servizos de saúde revalorizase grazas a monitorización dos casos atendidos e dos resultados obtidos”.
Nava Castro sinalou que trátase dun gran avance que potenciará a atracción e a fidelización dos usuarios nos balnearios de Galicia. “Termagal supón un empuxe fundamental para continuar consolidando Galicia como destino termal de referencia”, resaltou Nava Castro.
Gran potencialidade
Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta destacou a potencialidade de Galicia como destino termal e de saúde e benestar.
Neste senso, Nava Castro sinalou que Galicia Galicia ocupa a primeira posición a nivel nacional ao acoller preto do 20% dos establecementos balnearios do país.
Así mesmo, , Galicia é líder tamén en relación á calidade ao atesourar o maior número de establecementos termais distinguidos coa Q de calidade do Estado. En total 9 balnearios contan con esta distinción na nosa comunidade.