Thursday 21 de November de 2024

A Xunta de Goberno adxudica o contrato de mantemento e reparación de pavimentos


A alcaldesa en funcións, María Rozas, deu conta esta mañá en rolda de prensa dos asuntos acordados pola Xunta de Goberno Local, entre os que figuraba o contrato de mantemento e reparación de pavimentos na vía pública.

O contrato adxudicouse a Alcomte Galicia por un importe de 72.600 euros. María Rozas explicou que “nestas actuacións priorizarase o barrio do Ensanche, en concreto as rúas Xeneral Pardiñas e Alfredo Brañas, así como as entradas de garaxe”. As obras de reparación e substitución do pavimento terán unha duración aproximada de dous meses e darán comezo a semana que vén.

Así mesmo, a alcaldesa en funcións engadiu que “o concelleiro responsable manterá unha xuntanza coa Policía Local para facer un calendario de actuacións e valorar como acometelas de tal xeito que supoñan o menor agravio para a veciñanza”.

Escolas infantís
A Xunta de Goberno tamén aprobou adxudicar a xestión do servizo das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas á empresa Sermasa por un prazo de dous anos.

María Rozas explicou que “esta adxudicación supón continuar co cumprimento da sentenza do TSXG que obrigaba ao Concello a retrotraer o procedemento de adxudicación das escolas infantís”. Entende o Tribunal que Sermasa fora excluída indebidamente do proceso de adxudicación das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas hai dous anos. Por iso, en cumprimento da sentenza, iníciase de novo o procedemento tendo en conta a oferta de Sermasa, que resulta adxudicataria do servizo por ofrecer a oferta máis vantaxosa.

Outros asuntos
O Goberno local tamén adxudicou o servizo de xestión de actividades no Centro Xove de Creación Cultural e locais municipais de música para a xuventude de Compostela, que recae na empresa Serviplustotal por un importe de 45.588 euros. O obxectivo desta adxudicación é poñer en marcha esta instalación para uso e disfrute da veciñanza.

A maiores, a Xunta de Goberno aprobou tres convenios de colaboración con distintas entidades da cidade. É o caso da Asociación do Traxe Galego, do Museo do Pobo e a Casa da Troia, que recibirán unha subvención por importe de 3.825, 10.000 e 3.600 euros, respectivamente, para o desenvolvemento de diferentes actividades culturais.

Tamén se aprobaron as bases da convocatoria de subvencións ás asociacións veciñais da cidade para o desenvolvemento de actividades durante o 2016. O importe ascende a 64.800 euros. María Rozas destacou que “este convenio foi presentado no último Consello de Relacións Veciñais, incorporando aspectos que consideraron prioritarios os veciños e as veciñas”.

Aprobouse igualmente a renovación dos parques de Meixonfrío e Galeras. Nos próximos meses instalaranse novos elementos en ambas instalacións para dar resposta a unha demanda histórica dos veciños e veciñas de ambos barrios.

Déuselle luz verde á adxudicación do servizo para a redacción dun Plan Estratéxico de administración electrónica, transparencia e bo goberno 2016-2020 do Concello de Santiago. A empresa encargada será Telecomunicaciones y Energía, por un importe de 21.234,01 euros.