Friday 22 de November de 2024

Feijóo compromete manter a máxima vixilancia, o máximo recoñecemento ás máis de 7.000 persoas que traballan na loita contra os lumes e a máxima dilixencia para restituír os danos


Reitera o recoñecemento ás persoas que están sufrindo os lumes, a quen traslada que Galicia está unida ao seu carón e seguirá ao seu carón nas próximas semanas para avaliar conxuntamente as consecuencias dos danos producidos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta seguirá traballando coa máxima vixilancia, co máximo recoñecemento ás máis de 7.000 persoas que traballan na loita contra os lumes e coa máxima dilixencia para restituír os danos. “En definitiva, máxima unidade nestes momentos que aínda seguen a ser difíciles; máxima solidariedade coas familias que sufriron algún dano nas súas propiedades; máximo recoñecemento ás máis de 7.000 mil persoas que seguen traballando nos incendios; máxima vixilancia e precaución por parte de todos e, tamén, máxima dilixencia para restituír os danos producidos”, aseverou.

Durante unha visita esta mañá ao Centro de Coordinación Central de Incendios para avaliar a situación relativa aos lumes, Feijóo reiterou o recoñecemento ás persoas que están sufrindo directamente os lumes, a quen trasladou que Galicia está unida ao seu carón e seguirá ao seu carón nas próximas semanas para avaliar conxuntamente as consecuencias dos danos producidos.

Así mesmo, destacou e trasladou o recoñecemento a todo o operativo de extincións, “ás 7.000 persoas que están traballando con profesionalidade, desde os técnicos deste centro de coordinación ata os reténs, brigadas, pilotos, bombeiros, protección civil, policía, garda civil e exército. Todos eles están a traballar cunha grande eficacia: porque están priorizando, antepoñendo a vida das persoas e as súas vivendas, e tomando decisións acertadas en todo momento; porque están conseguindo controlar nuns tempos moi razoables os grandes incendios e porque están tamén apagando de forma inmediata moitos conatos”, aseverou.

E, en terceiro lugar tamén valorou e agradeceu o labor dos medios de comunicación que, segundo afirmou, están a trasladar á cidadanía no seu conxunto que Galicia está unida e condena sen paliativos a actividade incendiaria, e que Galicia é consciente de que hai que extremar as precaucións dadas as condicións climatolóxicas adversas que se están a sufrir.

Investigación e avaliación de danos
Se ben continuar cos labores de extinción é a prioridade da Xunta, Feijóo aseverou que se está a traballar tamén noutras frontes, reforzando os labores de investigación, a través da Policía Autonómica, da Garda Civil e do Exército. “E seguiremos tamén traballando na fronte da información: facendo novamente un chamamento aos cidadáns para a persecución da actividade incendiaria; e facendo un chamamento tamén, para que non se alimente a actividade incendiaria provocada con neglixencias ou descoidos”, engadiu.

Neste mesmo sentido, afirmou que a Xunta comezou xa hoxe os traballos de avaliación de danos para poder reparalos no menor tempo posible. “Comezamos xa a traballar nunha liña de axudas para restituír os danos, tanto os que sufran as persoas afectadas como dos montes afectados”, explicou, subliñando que Vicepresidencia, Facenda, Medio Ambiente e Medio Rural xa están a traballar para arbitrar as respostas que sexan necesarias, coa instrución de liberar os recursos precisos para que neste mes de agosto se poida empezar a habilitar créditos e procedementos para reparar os danos sufridos durante esta semana.

O titular da Xunta precisou que desde o pasado martes día 9 ata a mañá de hoxe venres producíronse 193 lumes. Neste momento: continúase a traballar en 5 lumes –en Porto do Son, Arbo, Crecente, Cerdedo e Laza-, todos eles tan só con algún punto illado de fogo e sen risco para as persoas ou para as vivendas; están estabilizados ou controlados 18, e 170 están extinguidos. “En resumo, estanse combatendo os lumes con profesionalidade, con axilidade e con estratexia. Pero loxicamente seguimos preocupados porque as condicións climatolóxicas seguen estando marcadas polas altas temperaturas”, abundou.