As obras de asfaltado e pintado de varias pistas de acceso a explotacións estarán rematadas a comezo do mes de setembro
A Consellería de Medio Rural vén de iniciar na parroquia de Barbeiros as obras englobadas dentro do Plan Marco. O dito plan dá resposta ás necesidades de mellora dos camiños municipais de acceso a explotacións agrícolas e gandeiras. No caso de Ordes o investimento rolda os 122.400 €, destinados ao proxecto denominado Camiño do Loureiro a Coruxo. A dita contía está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), ao abeiro do PDR de Galicia 2014-2020.
As tarefas que se están a levar a cabo pasan pola aplicación de aglomerado quente sobre distintas vías da zona, e o posterior pintado. Estímase que a obra estea concluída a comezos do mes de setembro.