Os traballos máis importante vanse acometer na escola unitaria de Vilacide, onde se acondicionará a planta superior do inmoble
Coincidindo coas vacacións escolares, o Concello de Oroso está a realizar distintas actuacións de mellora e mantemento en todos os centros educativos do municipio, ben directamente a través da súa brigada de obras, ben a través dos novos empregados incorporados temporalmente ao abeiro do programa de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. Unhas actuacións que supoñen un investimento superior aos 10.000 euros.
A concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, explica que “ata o momento a actuación máis importante foi no colexio de Oroso, onde pintamos as aulas e arranxamos a cociña. Se durante o curso arranxamos o tellado, agora rematamos definitivamente cos problemas de humidades no inmoble”. Unhas actuacións ás que se unen o pintado de aulas nas unitarias de Deixebre e Vilacide, así como pequenas operacións de mantemento (arranxo de billas, areeiros, cancelas…).
“Nos próximos días imos comezar as obras de Vilacide, onde imos acondicionar a planta superior da escola para deixar un espazo máis aberto, arranxaremos o baño e remodelaremos as dúas aulas para os maiores, aos que este espazo lles estaba quedando moi pequeno”, apunta a concelleira orosá. Beatriz Rodeiro agarda que as obras en Vilacide estean rematadas para o 12 de setembro, coincidindo co inicio do novo curso escolar.