O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se convocan estas axudas para o ano 2016
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2b6GIDQ) a orde pola que se convocan as axudas para a prevención dos danos que causan as especies de fauna silvestre para o ano 2016, que suman un importe de 400.000 euros.
As axudas están destinadas a persoas titulares de explotacións agrarias ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (xabaril, lobo, oso e outras). Con esta convocatoria, preténdese fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentiva a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies.
Neste sentido, considéranse actuacións subvencionables para a prevención de danos ocasionados polo lobo, a adquisición de cans mastíns, pastores eléctricos e curros de malla electrificada. No caso de danos ocasionados polo oso, xabaril ou outras especies de fauna silvestre, subvencionarase a adquisición de pastores eléctricos.
Tal e como se indica na orde de convocatoria, o importe global da mesma é 400.000 euros, dos cales 150.000 euros se destinarán ás medidas de prevención de danos á gandería e o importe restante, ás medidas de prevención de danos á agricultura, para o que se subvencionará a adquisición de:
– Cans mastíns ata un importe máximo de 500 euros por can.
– Pastores eléctricos, cunha contía máxima por explotación de 600 euros.
– Curros de malla electrificada, cunha contía máxima de axuda de 200 euros por malla de 50 metros ata un máximo de 4 mallas por explotación.
Dado que o incremento de poboación dalgunhas especies silvestres está ocasionando que con máis frecuencia as colleitas agrícolas, os aproveitamentos forestais e a produción gandeira se vexan afectados negativamente. Para evitar estes danos é necesario poñer en marcha un conxunto de medidas que permitan protexer no posible os cultivos e as producións máis sensibles.
Dende a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio considérase conveniente protexer os cultivos agrícolas, as producións gandeiras e as producións complementarias (coma a apícola), naqueles lugares en que as características do medio se mostran especialmente propicias para que tales producións sexan afectadas.
O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.
Esta orde entra en vigor maña (un día seguinte a súa publicación no DOG) polo que as persoas interesadas en acollerse a esta liña de axudas dispoñen dun mes para presentar a súa solicitude.