Entre o domingo e o luns, Renfe Viajeros -a antiga FEVE- suprimiu 13 servizos de transporte na liña ferroviaria que suca o norte da provincia. A maioría das suspensións afectáronlle a traxectos que pasan por San Sadurniño e, segundo parece, estiveron motivadas por problemas nas máquinas. Unha situación que os concellos afectados e a plataforma en defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denunciaron en repetidas ocasións e que mesmo lle trasladaron á Conselleira de Infraestruturas por escrito e na xuntanza mantida en Cariño no mes de abril. Daquela as alcaldías solicitaron solucións urxentes que deberían aplicarse para o mes de setembro, cadrando co comezo do curso escolar. Porén, segundo se sinala desde as alcaldías de San Sadurniño e Moeche “a cousa parece que vai a peor”.
Na reunión do mes de abril, a titular autonómica de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalou que o seu departamento “está a velar polo estrito cumprimento dos servizos que prestan as empresas de transporte”, tanto por estrada como por ferrocarril. Daquela a conselleira animou aos municipios a que lle trasladasen as súas propostas concretas de cara a mellorar os servizos, mentres que os Concellos solicitaron abordar o problema sentando na mesma mesa á Xunta, aos municipios e ás empresas concesionarias, principalmente Adif-Renfe. No mes de xuño os concellos achegaron un completo informe da situación elaborado pola plataforma xunto cunha proposta de melloras en canto a liñas e horarios que optimizasen o transporte ferroviario entre Ferrol e A Mariña.
Porén, tal e como asegurou onte a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, desde aquela non houbo máis resposta nin para a solicitude dunha xuntanza a tres bandas nin sobre a adopción de medidas por parte da Xunta. É máis, o transporte ferroviario segue sufrindo cortes e suspensións de servizos motivados na súa maioría polo deficiente estado da maquinaria ou das vías. Secundino García sinalaba onte que “a cousa parece que vai a peor en vez de mellorar, como sería de agardar. En dous días suspendéronse ata 13 servizos de tren dos que case todos lle afectan ás persoas usuarias de San Sadurniño”. O alcalde refírese ás deficiencias no transporte que se produciron este domingo e mailo luns:
Día 7:
Ferrol – San Sadurniño das 14.49 suprimido por falta de material.
San Sadurniño – Ferrol das 15.57 suprimido por falta de material.
Ferrol – San Sadurniño das 16.00 suprimido por falta de material.
San Sadurniño – Ferrol das 16.30 suprimido por falta de material.
Oviedo – Ferrol das 14.30 suprimido entre Pravia e Ferrol por avaría de material en Pravia.
Día 8:
Ferrol – Xubia das 11.15 suprimido por falta de material
Xubia – Ferrol das 11.30 suprimido por falta de material
Ferrol – Xubia das 12.45 suprimido por falta de material
Ferrol – Ortigueira das 13.00 suprimido entre Xubia e Ortigueira por falta de material.
Ortigueira – Ferrol das 15.05 suprimido por falta de material.
Ferrol – Xubia das 16.30 suprimido por falta de material.
Ferrol – San Sadurniño das 18.15 suprimido entre Xubia e San Sadurniño por falta de material.
San Sadurniño – Ferrol das 19.03 suprimido por falta de material.
A situación é cualificada como “moi grave” polo rexedor local, quen alude a un “progresivo desmantelamento do transporte ferroviario”. Secundino García lembrou que os municipios levan desde o ano pasado reivindicando melloras na mobilidade cidadá que van en dúas direccións. Unha, a reordenación e modificación de rutas no transporte público por estrada ”adaptadas ás necesidades reais da poboación”, mantendo paradas e facilitando a interconexión co transporte ferroviario. E a outra, centrada no tren, pide que se cumpran os horarios solicitados pola Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que RENFE achegue máis recursos ao servizo, que se axeiten os horarios ás necesidades da xente e que se asegure o mantemento en boas condicións da infraestrutura. Unha petición esta última que se estende tamén á liña convencional Ferrol-A Coruña.