As obras están orzamentadas en 78.000 euros e estarán rematadas nun par de semanas
O Concello de Brión vén de iniciar as obras de ampliación de dous tramos de estradas nos lugares de Lamiño e Liñares, na parroquia de Brión, onde instalará tuberías para evitar as escorrentías de auga nun tramo de pista de 801 metros. Unhas obras adxudicadas por 78.192 euros a Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA, cun aforro de 56.971 euros sobre o prezo de licitación, e que estarán rematadas nun par de semanas, reducindo en tres meses o prazo de execución inicialmente previsto.
As obras consisten en entubar as escorrentías destes dous tramos de pista, moi próximos entre si, coa conseguinte ampliación da sección da calzada, ao tempo que se instalan tuberías de pluviais que completarán así as redes municipais de ambos lugares. Esta nova rede de sumidoiros conectarase a tramos xa existentes, ben entubados ben a canal aberto.
En Lamiño estanse a realizar dous tramos paralelos, un cun sobreancho dun metro e o outro de 1,3 metros, intercalando en ambos tramos unhas tuberías de PVC de 315 milímetros de diámetro coa rede municipal existente. En Liñares, debido á pendente do vial, introduciranse ademais varios pozos de rexistro. Como as pistas están executadas en rego asfáltico, o sobreancho proxectado tamén se realizará con triplo rego asfáltico.
Durante o tempo que duren as obras, a circulación de vehículos por ambas estradas estará restrinxido aos residentes na zona. A maiores, en Liñares, xusto no cruce coa avenida de Santa Minia, realizarase un muro de contención de formigón armado sobre unha das cunetas. As obras están financiadas grazas a unha subvención nominativa da Deputación Provincial da Coruña.